Ir o contido principal

126. Descubrir o Mediterráneo cunha sachadora entre as mans.

Un idioma preciso

Hai veces nas que, para resolver un problema, emprendemos fondas análises que nos levan a conclusións tan brillantes como equivocadas, porque había respostas mellores e moito máis sinxelas de atopar. Algo así pasounos hai poucas semanas cunha consulta sobre maquinaria agrícola.

Preguntáronnos polo nome que se lle daba en galego a unha ferramenta como a que aparece na imaxe enganchada a un tractor, coñecida en castelán como binadora, que se emprega para darlle unha aradura superficial a un terreo xa plantado, de tal forma que as rellas van sachando o espazo que queda entre as fileiras de plantas.Soportes novos e vellos

Para intentar atopar a resposta optamos por partir do verbo castelán (binar) que está na orixe do substantivo por que se nos preguntaba. Despois de comprobar que o seu significado non ten nada que ver co que rexistran os dicionarios galegos para esa mesma palabra ('Celebrar dúas misas un sacerdote no mesmo día.'), probamos sorte nos dicionarios bilingües.

Foron os máis antigos os que nos deron algunha información, ao recolleren bimar como equivalente galego do binar castelán. Partindo de aí deducimos que unha alternativa razoable podería ser propoñer bimadora para nomear esa ferramenta. Pero cando intentamos confirmar a intuición no uso real, e vimos que a súa presenza era ínfima, sospeitamos que nalgún dos pasos equivocaramos o camiño.

Buscamos entón as denominacións empregadas polas linguas veciñas. O aparello en cuestión é coñecido como bineuse en francés, hoeing machine en inglés, e sachador ou máquina de sachar en portugués. E aquí foi onde, por fin, caemos da burra.

Non atopabamos usos galegos do hipotético "bimadora", porque ese aparello -ou unha versión máis antiga del, deseñada para ser usada con tracción animal- xa tiña nome tradicional en galego. E era tan evidente -se temos en conta a súa función- como sachadora ou sachadeira.

Por iso, parece máis razoable intentar estender o uso da denominación tradicional aos novos aveños adaptados á maquinaria agricola actual, ca construír unha forma que podía estar dotada de gran coherencia filolóxica pero que non tiña ningunha presenza nos usos lingüísticos reais.

Xa que logo, esquecémonos da "bimadora" (nós os primeiros) e recomendamos o emprego de sachadora ou sachadeira.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.09.2024.