Ir o contido principal

127. É un "polipasto" un conxunto de pastos?

Un idioma preciso

As roldanas ou poleas son máquinas simples formadas por unha roda que xira arredor do seu eixe central, e que conta no seu perímetro con algún elemento (acanaladura, engrenaxes...) que permite pasar unha corda, un cable ou unha cadea co fin de exercer sobre ela unha forza que eleve un corpo a unha determinada altura. Pero do que nos interesa falar hoxe é dun tipo específico de polea composta, que nos dicionarios galegos se presenta como polipasto.1

Polispasto

Trátase dun 'aparello formado por un sistema de n roldanas fixas e n móbiles, de tal xeito que nela se cumpre que a forza motriz é igual á forza resistente dividida polo número de poleas multiplicado por 2', coñecido en inglés como block and tackle, en portugués como talha, en castelán como polipasto ou polispasto e en francés como palan.

Os nomes empregados en galego e castelán proceden do latín polyspaston, e este do grego πολúσπαστον. Esta denominación vén empregándose, polo menos desde Vitruvio, para referirse a 'máquinas capaces de levantar pesos coa axuda dun gran número de poleas'.2 Outras linguas, como o inglés, usárono ata hai poucos anos para designar aparellos semellantes pero -como xa vimos- no día de hoxe recorren a outras denominacións.

Chegados a este punto, podemos interpretar a presenza de polipasto en galego como unha simple adaptación dun cultismo latino, ou como unha escolla influída pola elección feita en castelán. Aínda que nos situemos nesta segunda posición cabe xustificar o mantemento da forma adaptada do latín pola súa coherencia etimolóxica e a súa presenza maioritaria en dicionarios e documentación técnica en galego. Cunha puntualización.

Non se pode defender a preferencia pola forma polipasto argumentando que procede de polyspaston (poly + spaston), pois este segundo elemento forma parte de bastantes cultimos galegos, e en todos eles conserva a secuencia -sp- (espasmo e as palabras que o toman como base, espásticoespasticidadeepispástico...).

Xa que logo, tanto por fidelidade co étimo de partida, como por coherencia con outras formas galegas, a forma que debe recomendarse é polispasto. O éxito do *polipasto parcialmente antietimolóxico pode explicarse probablemente polo influxo que exerce a presenza desa forma no castelán.

----------------------------------

[1] Así se recolle no Dicionario de física, no Gran diccionario Xerais da lingua ou en versións oficiais galegas do Boletín Oficial do Estado.

[2] Na mesma obra, este autor latino fala tamén de trispastos (interveñen tres poleas) e pentaspaston (cinco poleas).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.09.2024.