Ir o contido principal

129. Pílula do día seguinte, pílula do día despois?

Un idioma preciso

Desde o pasado luns xa é posible mercar libremente nas farmacias españolas a pílula poscoital. Este feito creou un importante rebumbio político e mediático, pero o que a nós nos interesa é a súa vertente lingüística, que a ten.

 

Nas principais linguas europeas existen varias denominacións para referirse a elas. Así, coexisten as propias dun nivel formal de lingua, como pílula poscoital e pílula de emerxencia (pílula de emergência ou pílula de contracepção de emergência en portugués, píldora postcoital en castelán, emergency contraceptive pill en inglés...), con outras situadas nun plano máis coloquial, como pílula do día seguinte e pílula do día despois, ou os seus paralelos en portugués (pílula do dia seguinte), inglés (morning-after pill) ou castelán (píldora del día después).Pílula poscoital

 

Desde algúns foros técnicos advírtese de que as denominacións máis coloquiais poden xerar unha certa confusión, xa que estas pílulas poden empregarse ata tres ou cinco días despois da relación sexual, e non necesariamente ao 'día seguinte', como parecería deducirse de parte deses nomes.

 

Pero á parte deste debate, máis técnico ca lingüístico, interésanos fixarnos na construción o día despois, na que o adverbio pasa a funcionar como un adxectivo, co mesmo valor ca seguinte.

 

Ningunha das gramáticas galegas que puidemos consultar recolle este valor para despois (nin para antes); algo que pola contra si fan algúns dicionarios (Gran diccionario XeraisDicionario CumioDicionario castelán-galego da RAG). Iso debería abondar para pechar o debate e rematar aquí este artigo, pero aínda así...

 

Ver que a construción castelá el día después foi acusada de calco innecesario do inglés por un insigne membro da Real Academia Española (aínda que o propio dicionario desta entidade a considera correcta), e confirmar que só inglés (morning-after pill), castelán (píldora del día después) e galego (pílula do día despois) comparten esa denominación provócanos moitas dúbidas. Non será realmente o día despois un anglicismo difundido entre nós a través do castelán, coa contribución do cine e a televisión?

 

Por iso, pensamos que é preferible evitar unha denominación que -como mínimo- é dubidosa e empregar outras como pílula do día seguinte, pílula poscoital ou pílula de emerxencia -cada unha no nivel de lingua que corresponda- máis fiables desde o punto de vista lingüístico.
Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.09.2024.