Ir o contido principal

137. Se quito grosor, estou regrosando?

Un idioma preciso

Unha das operacións de carpintaría que se poden realizar sobre unha peza de madeira consiste en reducir o seu grosor empregando unha máquina dotada dun eixe rotatorio no que se montan unhas coitelas que van eliminando o estrato superior desa peza a medida que esta vai entrando en contacto con elas. Tendo en conta a descrición que acabamos de facer sorprende que o nome en galego non veñamos referindo a ela como regrosar e como regrosadora á máquina que permite realizala.

 

E dicimos que parece sorprendente porque en calquera das dúas denominacións o prefixo re- parece transmitir un valor de 'separación' ou 'eliminación' que se contradí cos que as gramáticas galegas lle outorgan, fundamentalmente iterativo (reproducirrelerretransmitir...) ou apreciativo/intensificador (remirarremollar...), se temos en conta que como resultado da operación antes indicada a táboa non gaña grosor, senón que o perde.

 

Case seguro que a presenza desta denominación en galego pode explicarse pola existencia do castelán regruesar. Pero o que nesa lingua pode ter unha xustificación interna (o regruesar castelán parece partir do substantivo regrueso, que designa unha táboa de madeira de grosor que oscila entre os 4 e os 10 milímetros e de lonxitude e largura variable) en galego parece ser un simple castelanismo, xa que non se atopa o *regroso que permitiría xustificar o proceso coma unha autónomo do galego.

 

Esta impresión vese reforzada polo feito de que só o catalán opte por unha forma moi semellante (regruixar), mentres que portugués (desengrossar), inglés (to thickness) ou francés (raboter) empregan alternativas totalmente diferentes.

 

Que a denominación *regrosar sexa pouco transparente, estea influída polo castelán e non harmonice coas linguas veciñas quitada esta última, dános argumentos abondos para propoñer e recomendar a adopción dunha forma alternativa que, como mínimo, evite algún deses inconvenientes.

 

Na nosa opinión, desengrosar (ou a súa variante desgrosar) cumpre con bastantes desas condicións. Por unha parte, permite unha relación máis transparente e intuitiva entre a denominación e o concepto que nomea; amais foxe da dependencia do castelán e concorda coa forma elixida polo portugués; e por último parece conectarse cunha ferramenta tradicional (o desengrosador) que realizaba unha función moi semellante.

E, aceptada esta premisa, a máquina que realiza ese labor debería recibir o nome de desengrosadeira (EN: thickness planer ou thicknesser; ES: regruesadora; PT: desengrossadeira).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.11.2023.