Ir o contido principal

138. Ordenadores en tabletas

Un idioma preciso

A chegada do iPad ás tendas españolas estase convertendo nunha noticia de primeira magnitude e ten todo o xeito de ir espertar unha nova febre por apañar este trebello tecnolóxico.
 

Porén, a nós unha das cousas que máis nos chamou a atención del é o nome que se lle está dando (tableta en castelán e galego, tablete en portugués, tablette en francés...), copiando -valoraremos agora se con xeito ou sen el- o tablet do inglés americano.
 

Ao mellor hai entre vós quen lembra que xa andamos ás voltas con esta palabra hai uns aniños, decidindo se conviría incluíla dentro do vocabulario especializado da farmacoloxía, a pesar de que a Real Academia Galega desaconsellaba o seu uso. Pero no momento actual, e polo menos no ámbito da informática, esta institución acepta o emprego de tableta (tableta dixitalizadora) e aínda de tablet (tablet PC).
 

Se aquí levamos defendido que tableta debería incorporarse como unha denominación galega no ámbito farmacolóxico, e agora a RAG decide facer o mesmo no informático, estarédesvos preguntando cal é o problema.
 

Pois tal e como nós o vemos ao establecer a equivalencia tablet <> tableta castelán e galego estanse deixando levar pola semellanza formal e non pola de significados, incorrendo por iso, nun problema de falsos amigos. A ver se somos quen de explicalo:
 

En inglés, a palabra tablet designa historicamente varios conceptos diferentes. Á hora de buscar nome para os dispositivos informáticos que se acabaron coñecendo como tablet PC e tablet computer recorreuse a un procedemento moi habitual no ámbito da informática (vid. por exemplo mouse) consistente reaproveitar o nome doutro obxecto que fose semellante pola súa forma ou por algún aspecto significativo da súa utilización.
 

Aí tablet presentábase como unha boa escolla xa que se viña empregando para referirse dous obxectos que compartían cos novos trebellos a particularidade de tratarse de superficies planas sobre as que se podía escribir empregando un utensilio:
 

  • os 'fragmentos de pedra, madeira ou metal empregados para realizar inscricións ou gravados sobre eles' 
     
  • o 'conxunto de follas de papel unidas por un dos seus lados que se emprega para escribir' (e non é un detalle menor que unha palabra sinónima fose pad).
     

Se algún deles recibise en galego o nome de tableta, estariamos diante dun calco totalmente lexítimo, igual que o é chamarlle rato ao periférico do ordenador copiando o procedemento polo cal en inglés se empregou mouse. Pero a realidade é que en galego os obxectos antes apuntados coñécense respectivamente como taboíña e caderno; polo tanto, o nome dese tipo de dispositivos debería -en principio- construírse sobre unha delas.
 

Despois de toda esta argumentación podemos concluír que desde un punto de vista lingüístico deberían evitarse as denominacións que incorporasen a forma tableta (ordenador de tabletacomputador tableta...). Como alternativa poderíase intentar estender o uso dalgún neoloxismo baseado en caderno ou taboíña (ordenador caderno, ou ordenador táctil, poñamos por caso); ou senón, aceptar o anglicismo sen ningunha modificación (tablet), tendo en conta que encaixa bastante ben coa estrutura gráfica do galego.

 

Actualización do 13/10/2014

Dicionario da Real Academia Galega recomenda o emprego de tableta para o concepto de que viñemos falando aquí. Xa que logo, desde o punto de vista da corrección normativa, os argumentos manexados nos parágrafos anteriores perden todo o seu valor. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.11.2023.