Ir o contido principal

145. Precisión ornitolóxica 5: lampareiro ou gavita para Haematopus ostralegus?

Un idioma preciso

Nesta precisión imos falar do(s) nome(s) galego(s) deste paxaro asociado ao hábitat costeiro: Haematopus ostralegus (clicar para ver a imaxe).

 

En portugués chámaselle ostraceiro; en castelán, ostrero; en catalán, garsa de mar; en francés, huîtrier pie; en inglés, Oystercatcher. É dicir, na maioría das linguas o seu nome estándar fai referencia á súa alimentación (moluscos, ostras que abre co seu longo e forte bico vermello, aínda que tamén se alimenta de miñocas do mar e doutros invertebrados mariños). No caso do catalán, garsa de mar –pega do mar– alude ás cores brancas e negras da plumaxe, que poden lembrar a plumaxe branca e negra dunha pega (Pica pica), aínda que non ten nada a ver con estoutra especie, o nome é só por causa da semellanza das cores.

 

En galego rexístranse varias denominacións para Haematopus ostralegus. Nomeadamente dúas: lampareiro e gavita (ás veces escrito con be, gabita). Nalgunhas localidades das Rías Baixas (C. D. Romai Cousido, comunicación persoal) úsase tamén para designar este paxaro nomes como pilla e similares, que son máis propios doutras aves limícolas (por exemplo do xénero Charadrius), ou bilurico e similares, igualmente máis propios doutras especies (do xénero Tringa, por exemplo). No ámbito da ornitoloxía especializada tamén se formulou pega mariña para H. ostralegus (apuntábase na primeira guía de aves de X. M. Penas Patiño e C. Pedreira López, no ano 1980), que despois se recolleu nalgún dicionario (como no Dicionário da língua galega da editorial Sotelo Blanco, do ano 1995, ou no Diccionario de sinónimos da lingua galega da editorial Galaxia, do ano 1997). Alén diso, no antedito Dicionário da editorial Sotelo Blanco tamén se recolle ostraceiro como nome galego para H. ostralegus, probabelmente tomándoo do portugués.

 

Das dúas denominacións máis frecuentes para designar este paxaro na costa galega, lampareiro e gavita, a máis empregada en publicacións e recollida tamén nos dicionarios é gavita. Sen dúbida debeu influír que esta se escolleu para H. ostralegus nas propostas que procuraban a estandarización específica dos nomes galegos das aves (véxase a precisión ornitolóxica 1, a nº 141 d’Un idioma preciso) e que despois se divulgou en publicacións ornitolóxicas. Esta precisión ornitolóxica, porén, quere expor os pros e contras dunha e doutra denominación, achegando unha reflexión que levaría na nosa opinión a preferirmos mellor lampareiro que gavita, pensando na súa estandarización no ámbito da ornitoloxía especializada.

 

O nome lampareiro, de igual modo que a maioría das denominacións que apuntabamos ao comezo da precisión, fai referencia a que se alimenta de moluscos (neste caso lámparos ou lamparóns ou lapas, nomes que reciben en diferentes localidades galegas as especies do xénero Patella). O nome gavita, segundo M. C. Ríos Panisse (Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. II Mamíferos, aves y algas, 1983) derivaría do latín gaviagaivota. Ríos Panisse recolleu daquela tamén os nomes garavita e lampareiro, con identificación dubidosa, aínda que o primeiro inclúeo xunto con gavita na epígrafe Haematopus ostralegus e o segundo, que inclúe no apéndice final, aparece referido a un paxaro mariño que se alimenta de lapas (moi probabelmente H. ostralegus). No blogue Nomes de plantas e animais apúntase que gabita debe ser de orixe onomatopeica (nun artigo intitulado Gabitas e lampareiros).

 

Na nosa opinión, a designación de H. ostralegus como gavita ou garavita ben puido orixinarse por un cruzamento ou confusión (frecuentes, como mencionamos anteriormente por exemplo a respecto de pilla e bilurico para H. ostralegus), pois eses mesmos nomes son empregados popularmente para as especies do xénero Sterna, cuxo aspecto pode lembrar unha gaivota pequena (e así gavita ou garavita, na súa orixe, poden significar máis propiamente “unha gaivota pequena” ou “que ten parecido coa gaivota”). De feito, X. L. Franco Grande refírese a gavita como ave palmípede parecida á gaivota pero máis pequena (Diccionario galego-castelán,1972); igualmente no Dicionário da língua galega da editorial Sotelo Blanco de 1995, ao referirse tamén nunha segunda acepción a “aves palmípedes da familia dos láridas”. C. D. Romai Cousido (comunicación persoal) rexistrou gavita e garavita como denominacións propias do xénero Sterna na Costa da Morte. No blogue Nomes de plantas e animais anótase tamén (no mesmo devandito artigo) o uso de gabita ou gavita tanto na mariña galega como na portuguesa para os paxaros do xénero Sterna. Nalgunha publicación ornitolóxica, garavita aparece referida ás aves do xénero Chlidonias, con bastante semellanza ao xénero Sterna na plumaxe de inverno (E. Estanislado de la Cigoña, 1989). Outro nome moi semellante, gavina, foi rexistrado por Ríos Panisse para Larus ridibundus, unha gaivota de tamaño notabelmente pequeno etc.

 

Sexa como for:

 

  1. Lampareiro designa de maneira totalmente exclusiva este paxaro, Haematopus ostralegusGavita non é denominación específica ou exclusiva: tamén designa en galego outras avesmariñas ben diferentes do lampareiro.
     
  2. Lampareiro fai referencia á alimentación de H. ostralegus (lamparóns ou lapas), trazo con que se caracteriza claramente a especie en comparación co nome gavita, para o que non sabemos de certo a súa relación con H. ostralegus: se cadra onomatopeica, se cadra un cruzamento ou confusión con denominacións que son talvez máis propias doutras especies (ou ambas as dúas causas).

 

Por tanto, a pesar de que gavita ou gabita foi o nome que inicialmente se escolleu no contexto da ornitoloxía especializada de modo específico para Haematopus ostralegus, coa información que temos hoxe, na nosa opinión é máis lóxico e preferíbel escollermos para esta especie a denominación lampareiro, que é exclusiva, ben caracterizadora e inequívoca, alén de estar relacionada coa súa alimentación do mesmo modo que acontece en moitas outras linguas.

   

Novas referencias bibliográficas mencionadas (véxase tamén as xa apuntadas nas precisións anteriores):

 

FERNÁNDEZ DE LA CIGOÑA, E. (1989): Viaxeiras da auga. Aves mariñas e acuáticas de Galicia e Norte de Portugal. Vigo: Xerais.

 

NOIA CAMPOS, M. C. et al. (1997): Diccionario de sinónimos da lingua galega. Vigo: Galaxia.

   

Silverio Cerradelo

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.11.2023.