147. Ordenadores escravos con mestres que mandan neles
Unha das particularidades máis salientables da terminoloxía informática en inglés é a frecuencia e a habelencia con que se recorre á metáfora á hora de bautizar novos conceptos. Para iso, comézase por identificar un aspecto común -de forma, función ou finalidade- entre un concepto xa existente e un que se acaba de crear, e reaprovéitase a forma que nomeaba o primeiro para bautizar o segundo, facendo xurdir desa forma a metáfora.
Termos como mouse, firewall ou worm son exemplos xa clásicos da aplicación dese procedemento, que despois é calcado en linguas como o galego para chegar a rato, devasa e verme. Pero se hoxe falamos deles é porque queremos fixarnos nun caso menos coñecido, que presenta arestas salientables desde o punto de vista lingüístico: as arquitecturas mestre/escravo.
Esta expresión, avalada explicitamente pola RAG no Digatic, copia o inglés master/slave, nome que alude aos sistemas informáticos ou electrónicos formados por un dispositivo ou proceso (o master) que controla unidireccionalmente outros (os slaves), de tal forma que o primeiro ordena e xestiona unha serie de tarefas que os segundos simplemente executan. A metáfora que está detrás desa denominación aclárase cando descubrimos que en inglés se lle chama master a quen ten traballando para el serventes ou escravos, e slave ao que era propiedade legal dun master e estaba obrigado a obedecerlle.
Como adoita ocorrer na terminoloxía informática, cando as linguas románicas importaron o concepto calcaron tamén a denominación: así atopamos maître/sclave en francés, maestro/esclavo en castelán, mestre/escravo en portugués e -como xa dixemos- mestre/escravo en galego. Pero o que en francés é un calco coherente, que conserva a metáfora orixinal (maître ten o mesmo significado ca master), deixa de selo en castelán, portugués ou galego. Ao empregar maestro ou mestre, conservouse unha forma semellante á do inglés, pero incorreuse nun falso amigo que destruíu o poder evocador da metáfora orixinal, xa que en ningunha desas tres linguas se coñece con ese nome ao propietario de escravos.
Despois de todo o devandito, queda claro que o uso de mestre parécenos unha mala elección, por moito que veña avalada pola RAG. Moito mellor sería optar por calquera destas dúas alternativas:
|