154. Dúas miradas sobre un mesmo problema: liña de vida
Cando valoramos qué nome se lle debe dar en galego a un determinado concepto, cómpre atender a varios aspectos (se xa se usa algunha expresión para el ou para un moi próximo, en qué forma as distintas alternativas respectan as particularidades da lingua galega, os nomes usados nas linguas veciñas, etc.). Cando todos eles apuntan nunha mesma dirección é doado chegar a unha conclusión e formular unha recomendación explícita.
Pero moitas veces ocorre algo distinto: cada un deses aspectos leva a conclusións distintas, ou aínda opostas; e nesas circunstancias tomar unha decisión é moito máis difícil, como imos ver ao analizar o caso das liñas de vida.
Esa expresión aparece en documentos galegos referida a dous conceptos moi próximos, ambos relacionados coa seguridade e a protección das persoas:
- O Dicionario galego de construción naval defíneo como un 'cabo suxeito á cuberta ao que se fixa o mosquetón do arnés, permitindo os movementos dos tripulantes por cuberta'. Esta imaxe axuda a identificalo.
- Desde o mundo náutico estendeuse aos equipamentos de seguranza no traballo, para nomear un 'cable ou corda horizontal ou vertical, estirada entre dous puntos de ancoramento, que permite unha vía de tránsito entre eles e mantén unha protección contra as caídas nese tramo'. Outra volta, unha imaxe serve máis ca mil palabras.
Se miramos para as linguas veciñas comprobaremos que en todas elas se empregan formas equivalentes, como o línea de vida do castelán, o ligne de vie do francés, o linha de vida do portugués, ou o lifeline / life-line (tamén jackline) do inglés.
Esta práctica unanimidade invitaríanos a propoñer liña de vida como nome galego. Pero mirada deste outra perspectiva, a cuestión non está, nin moito menos, tan clara: é ben probable que esteamos perante un falso amigo do que, sendo puristas, conviría fuxir. A ver se conseguimos explicarnos.
O inglés lifeline e o francés ligne de vie encaixan naturalmente na estrutura das súas linguas porque nelas line e ligne significan, entre outras cousas, 'corda fina'; por iso esas palabras poden reutilizarse sen forzar o seu sentido. Pero se facemos a mesma proba en galego (ou en castelán) o resultado é ben outro: nin liña nin línea inclúen a idea de 'corda fina' entre as súas acepcións. A que podería estar máis preto é a de 'arte de pesca consistente nun fío ou tanza, xeralmente de nailon, cunha chumbada e un ou varios anzois empatados no extremo' que se pode atopar nos dicionarios galegos.
Xa que logo, ao usarmos liña de vida estamos obrigando á palabra liña a representar un significado distinto dos que ten recoñecidos no corpus léxico do galego. E isto ocorre, posiblemente, porque a semellanza formal entre a palabra inglesa (ou a castelá?) e a galega provocou unha tradución equivocada. Por iso, desde esta perspectiva, o aconsellable sería evitar o uso de liña e recomendar formas como corda de vida, cable de vida ou cable de ancoramento. Pero a presenza de calquera delas na documentación real é practicamente irrelevante.
E así chegamos ao nó desta meada: dámoslle prioridade á forma asentada no uso aínda que sexa discutible desde o plano lingüístico? Ou apostamos por potenciar a denominación máis "correcta" aínda que haxa que intentar implantala practicamente desde cero?
Neste caso, o pragmatismo lévanos a recoñecer que é moi difícil -por non dicir imposible- reverter o grao de difusión que ten liña de vida, sobre todo cando a presenza de formas moi semellantes en inglés, castelán ou portugués vai seguir indirectamente fomentando o seu emprego. Pero tamén debe quedar constancia de que se pode optar por outras alternativas (corda de vida, cable de vida, cable de ancoramento), que deberían figurar como sinónimos nos dicionarios e ser difundidas a través da documentación emanada das institucións públicas. |
[Actualización: 17-01-2012]
Se temos en conta equivalencias entre inglés e galego como lifeboat / bote salvavidas; life jacket / chaleco salvavidas ou life buoy / aro salvavidas, parece coherente incluír entre as posibles alternativas galegas a lifeline formas como corda salvavidas ou cable salvavidas.