Ir o contido principal

155. O *badén que non sabía se subía ou se baixaba

Un idioma preciso

Usar unha mesma palabra tanto para un obstáculo que sobe como para outro que baixa parece que se correspondería moi ben coa imaxe tópica do galego indeciso no medio dunha escaleira. Pero non, neste caso é o castelán o que define con esa ambigüidade "tan gallega" a palabra badén, pois o Diccionario de la Real Academia Española, explica que pode ser tanto unha 'depresión en la superficie de un camino o de una carretera', como un 'obstáculo artificial alomado que se pone de través en la calzada para limitar la velocidad de los vehículos'. 

 

Para o primeiro deses dous conceptos, o Dicionario castelán-galego da RAG recomenda empregar fochafochanca ou foxo. Pero para o segundo deles non atopamos nesa obra unha referencia clara, pois na entrada badén, a única denominación galega que remite á idea de 'elevación' é rampla, pero non parece acaída para darlle nome ao obxecto de que estamos a falar, xa que unha rampla adoita unir puntos situados a diferentes niveis, o que non acontece neste caso.

 

Mellor alternativa parece o lombo que recomenda o Gran dicionario Xerais da lingua. Por unha parte, un dos seus significados ('pequena elevación do terreo') encaixa moi ben co concepto que se pretende nomear; e por outra é coherente coas formas elixidas noutras linguas, como portugués (lomba en Portugal e lombada no Brasil) e inglés (speed hump).

 

Evitemos, xa que logo, *badén para nomear a 'banda elevada máis ou menos ampla e de forma arredondada que se sitúa transversalmente nunha calzada, co fin de obrigar aos condutores a reducir a velocidade na zona en que se instala', e optemos no seu canto por lombo ou a súa variante lomba.
Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.11.2023.