Ir o contido principal

156. Precisións dos lectores 7: o nome galego de "ocularia"

Un idioma preciso

Como chamarlle en galego a ese dispositivo (1), que colocado diante dos ollos e apoiado no nariz permite compensar os erros refractivos, ou protexer os ollos fronte a impactos ou radiacións nocivas?

 

spectacle

Os primeiros deles apareceron no norte da Italia a finais do século XIII1, recibindo diversos nomes, tanto en latín como nos vernáculos italianos, sendo os máis usados ocularia, en latin, e occhiali, en italiano. Non se sabe cando chegaron estes trebellos á Galiza, mais tendo en conta o datos que se coñecen doutros puntos da Europa, é de supor que algúns chegaran xa no século XIV, porén, que eu saiba, non son mencionados en ningún dos textos en galego que se conservan desas épocas.

Lentes ou anteollos?

En xeral, os diversos dicionarios galegos actuais fornecen dúas solucións: lentes ou anteollos2. Así o Dicionario da RAG define:

lente

s. f. 1. Disco de vidro ou outra substancia sólida transparente limitado por dúas superficies esféricas, unha delas con caras curvas, cóncavas ou convexas, que se usa en instrumentos ópticos para desviar os raios de luz3Lente cóncava. As lentes úsanse para facer lupas, prismáticos etc.

pl. 2. Instrumento óptico composto por dúas lentes que se suxeitan ao nariz e ás orellas mediante unha montura e que serve para protexer a vista, corrixila ou ter unha mellor visión. Ten que usar lentes para ver de cerca. SIN. anteollos.

anteollos s.m.pl.

1. Instrumento óptico para ver ao lonxe, formado por dúas lentes situadas nos extremos dun tubo. Observaba cos anteollos como se afastaba o barco. CF. prismáticos.

2. Instrumento óptico composto por dúas lentes que se suxeitan ao nariz e ás orellas mediante unha armadura ou montura e que serve para protexer a vista, corrixila ou ter unha mellor visión. O oculista mandoulle pór anteollos. SIN. lentes.

Se ben non di explicitamente se algunha das dúas formas é preferida, faino implicitamente ao utilizar en xeral lentes. Véxanse, por exemplo, as entradas miopeamétrope ou gafas*.

 

En todo caso calquera delas presenta problemas á hora de ser empregada na linguaxe técnica.

Lentes

Esta solución é especialmente imprecisa. Así, atopamos que unhas lentes son -na definición do DRAG- "un instrumento óptico composto por dúas lentes...".

É mais, na óptica oftálmica –a que trata da compensación dos erros refractivos– existen diferentes tipos de lentes, que van adxectivadas en función dalgunha característica relevante. Así, en función da distancia á que permiten ver nitidamente fálase de lentes monofocais, bifocais, trifocais ou progresivas, e en función da súa posición a respecto do ollo fálase de lentes:

  • intraoculares, cando colocadas dentro do ollo;
  • de contacto, cando colocadas en contacto coa córnea –parte externa do ollo–;

  • mais cando colocadas a unha certa distancia do ollo, nunha armazón que se apoia no nariz e nas orellas, cal sería a súa denominación?

 

En castelán europeo emprégase lente de gafa, en portugués lente de óculos, en francés verre de lunettes... En galego, usando a solución do DRAG teríamos que dicir lente de lentes. De maneira que, para definilas, poderíamos escribir algo tan confuso como:

As lentes usadas para elaborar lentes coñecen-se como lentes de lentes 4.

Anteollos

A segunda solución é menos confusa, pero ten un problema importante: as dúas acepcións que dá o DRAG, sendo claramente diferentes, están excesivamente próximas como para usar o mesmo termo para ambas. Así por exemplo, un profesor de óptica podería deleitar ao seu alumnado coa seguinte frase:

Un astigmata debe usar anteollos para ollar ao través duns anteollos, entanto que alguén con ametropía esférica pode evitar os anteollos5.

 

Na linguaxe técnica, poderiamos reservar o termo anteollos para a segunda acepción, e deixar para a primeira o termo binóculo(s), palabra que con este significado é usada tanto en portugués como en castelán. Porén, a pesar do DRAG ignoralo, en óptica emprégase a palabra anteollo (en singular) desde hai moitos anos para nomear un tipo específico de telescopio: monocular e refractivo. Parece lóxico, pois, deixar a forma anteollos para o instrumento que coloca un anteollo diante de cada ollo co fin de observar obxectos afastados.

Outros dicionarios galegos

Hai dous dicionarios especialmente relevantes para este tema:

  1. dicionario italiano-galego do Centro Ramón Piñeiro, e

  2. dicionario galego de termos médicos.

O primeiro inclúe bastantes frases onde se traduce o termo italiano correspondente, occhiali, ao galego. Se ben ás veces usa anteollos, por exemplo na páxina 314 ("para referirse á 'lentesanteollos' en italiano emprégase o termo occhiali"), en xeral prefire moi maioritariamente a forma lentes. Así por exemplo na definición de occhiali di:

occhiali

s.m. pl.
Lentes, anteollos. Usava gli occhiali solo per leggere. Usaba as lentes só para ler.
occhiali da sole: lentes para o solocchiali da vista: lentes graduadas.

 

O segundo dicionario, pola súa parte, utiliza preferentemente anteollos, aínda que tamén inclúe unha definición de lente similar á dada polo DRAG. É normal que nun dicionario técnico de medicina se opte por anteollos en vez de lentes, xa que é unha solución menos confusa; a cuestión na que probabelmente non se pensou é que no eido da óptica o significado habitual de anteollo interfire na usabilidade desa proposta.

Alén fronteiras

Visto que as formas incluídas nos dicionarios galegos non son moi axeitadas para o galego técnico6, pasemos a considerar outras posibilidades, partindo dos vocábulos utilizados noutras linguas da nosa contorna.

Na táboa seguinte inclúense os nomes do dispositivo estudado, así como das súas partes, en diferentes linguas, facendo referencia aos números da figura presentada máis arriba. Como se pode observar a terminoloxía é moi variada:

 

1

2

3

 

Castelán

gafa, gafas, anteojos, (los) lentes, espejuelos

lente, cristal

montura, armazón, armadura, gafas

lente de gafa, lente de anteojos, cristales de lentes

Catalán

ulleres

lent

carcassa

lent d'ulleres, lent de carcassa

Francés

lunettes (de vue)

verre (correcteur), lentille

monture

verre de lunettes, lentille de lunettes

Inglés

spectacle, glasses, eyeglasses, eyewear

lens

frame

spectacle lens

Italiano

occhiali [okjali] (plural de occhialo)

lente

montatura, armatura

lente a occhiali

Portugués

óculos

lente

armação

lente de óculos

 

Nalgunhas linguas úsanse diferentes nomes para o mesmo concepto. En inglés as diferenzas son de uso: spectacles é a forma técnica, glasses a popular, e eyewear é a forma máis abranxente, xa que pode aplicárselle tanto a spectacles, como a sunglasses7 e a goggles8. No entanto en castelán as diferenzas son principalmente xeográficas9, así gafas10 úsase principalmente en España, anteojos no Cono Sur11(los) lentes é a forma mais usual en case toda Hispanoamérica e finalmente espejuelos é a forma usual en Cuba, Puerto Rico e na comunidade hispana de Florida.

 

De aplicarmos os criterios utilizados para a elaboración da Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, especialmente o 3º e o 4º, que son os máis acaídos a este caso, deberiamos ter en conta a terminoloxía portuguesa, que neste punto é ben clara, a diferenza do que pasa no castelán.

Por outro lado á hora de propor nova terminoloxía, considero básico ter en conta a situación sociolingüística galega, onde se producen moi poucos textos técnicos e estes obteñen unha difusión un tanto reducida. De forma que un neoloxismo autóctono que non conte co apoio dun termo semellante nunha lingua próxima –castelán, portugués ou mesmo inglés– dificilmente vai atinxir un uso considerábel.

 

Se a Galiza estiver no continente americano, posibelmente a forma anteollos tería máis vitalidade e sería máis recomendábel, tendo que procurar unha alternativa para o telescopio monocular refractivo. Mais o galego sofre influencia do castelán europeo, e non do americano, e anteollos, ademais de un pouco confuso, soa arcaico. Precisamente pola influencia do castelán a forma máis usada na Galiza actual, mesmo en galego, é gafas. Esta forma é evidentemente un castelanismo, aínda que con moita probabilidade tanto anteollos como lentes tamén entraron no galego por influxo do castelán.

 

Tendo en conta todo o anterior, na miña opinión o máis acaido é adoptarmos a terminoloxía portuguesa: óculos (1), lente (2), armazón (3) e lente de óculos. Outra posibilidade, que considero menos pertinente, pero que tamén permite un uso preciso do idioma, é empregar a terminoloxía do castelán europeo: gafas (1), lente (2), montura (3) e lente de gafa.

Ramon Flores Seijas
Profesor titular do Dpto. de Física Aplicada da USC


1 Vicent Ilardi, Renaissance Vision from Spectacles to Telescopes, Memoirs of the American Philosophical Society, Volume 259, 2007.

2 Existe tamén a variante antollos.

3 Esta definición é pouco afortunada: 1) non ten sentido dicir que unha superficie ten caras curvas, e 2) as superficies dunha lente non son sempre esféricas, podendo ser cilíndricas, tóricas, asféricas...

4 En portugués a mesma frase expresaríase como "as lentes usadas para elaborar óculos conhecem-se como lentes de óculos", e en castelán europeo como "las lentes que se usan para elaborar gafas se conocen como lentes de gafa".

5 En portugués a mesma frase expresaríase como "Um astigmata deve usar óculos para olhar ao través dum binóculo, entanto que alguém com ametropia esférica pode dispensar os óculos", e en castelán europeo como "Un astígmata debe usar gafas para mirar a través de unos anteojos, mientras que alguien con ametropía esférica puede dispensar las gafas".

6 A lingua literaria e a popular poden permitirse ser menos precisas.

7 Sunglasses = óculos de sol

8 Goggles = óculos de protección frente a partículas ou axentes químicos.

9 Para ver a distribución xeográfica dos distintos termos é recomedábel visitar os foros de Wordreference.com.

10 En castelán gafa significaba inicialmente gancho. No século XVII inventáronse as armazóns con hastes ou variñas, mais hai que esperar até o século XIX para que as hastes rematen nunha gafa, de maneira que se enganchen ben nas orellas. E non é até ben entrado o século XX que no Reino de España (las) gafas se impón a (los) lentes.

11 Anteojos é tamén a forma técnica usada en case toda a hispanofonía.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.11.2023.