Ir o contido principal

162. Conformámonos co "achantamento"?

Un idioma preciso

No ámbito do dereito a palabra castelá allanamiento fai referencia fundamentalmente a dous conceptos:
 

  1. Ao delicto consistente en entrar nun domicilio ou a permanecer nel sen autorización ou contra a vontade do seu propietario ou de quen nel viva.
     
  2. Ao acto procesual polo que un demandado manifesta a súa vontade de non se opoñer á pretensión do actor ou de abandonar a posición xa interposta, conformándose con ela.
     

Para o nomear o primeiro deles o galego recorre a violación de domicilio ou invasión de domicilio; pero para o segundo os dicionarios e os textos legais non deron acadado un consenso semellante, e ofrecen un abano de propostas sobre o que imos deternos hoxe.
 

  • Nos textos legais en galego, tanto no BOE como no DOG emprégase basicamente conformidade e avinza, aínda que o máis habitual é que estes conceptos se presenten baixo forma de verbos (conformarse con... e avirse a...). Estas formas son tamén as recomendadas por distintos manuaiscursoslibros e estiloglosarios e dicionarios que seguían o camiño marcado no Curso superior de linguaxe xurídica editado pola Xunta de Galicia a mediados dos 90.
     
  • En paralelo, outros dicionarios como o da editorial Ir Indo ou a Enciclopedia Galega Universal apostaban por denominacións diverxentes das anteriores, como asentimento de demanda e aplanamento á demanda.
     
  • Dicionario xurídico galego (sorprendentemente desaparecido da Rede ao editarse en papel) optou por non promocionar ningunha das denominacións preexistentes, e recomendou achantamento, unha escolla insólita na lexislación publicada, pero que a partir dese momento comeza a estenderse a algunhas obras de referencia, como o Libro de estilo do Servizo de Tradución da Xunta de Galicia.
    Ese dicionario, ademais, non acepta conformidade como sinónimo, a pesar de ser a forma máis difundida ata o momento, pois emprégao para nomear un concepto diferente do ámbito do dereito procesual penal: a 'institución na que o acusado e os seu defensor aceptan, con límites, a pena solicitada pola acusación ou a máis grave das solicitadas, de seren varias'.
     

Con todo este abano de alternativas diante, cómpre establecer algún tipo de priorización entre elas:
 

  • Se conformidade e a súa familia (conformarse con...) poden provocar problemas de ambigüidade na comunicación especializada, como parece apuntar o Dicionario xurídico galego, non deberiamos empregar esta denominación como equivalente de allanamiento.
     
  • Achantamento conta ao seu favor co aval que lle outorga o ser a forma recomendada polo dicionario xurídico máis relevante do panorama galego, tendo en conta a súa nómina de autores e colaboradores. Ademais, o significado desa palabra na lingua común é coherente co que se lle atribúe no ámbito legal. Pero aínda así, a súa presenza en documentos técnicos (lexislación, estudos e informes...) é anecdótica.
     
  • Asentimento á demanda e aplanamento á demanda quedan nun segundo nivel pois, nin teñen unha presenza salientable en textos especializados, nin están avalados por fontes lexicográficas de tanto peso como o Dicionario xurídico galego.
     

Xa que logo, parece que achantamento sería a forma máis acaída, pois evitaría a ambigüidade a que nos pode levar conformidade e conta co aval dunha fonte lexicográfica prestixiosa, e coa aceptación por parte da unidade técnica que se encarga de traducir e revisar a lexislación que finalmente se publica en versións galegas no DOG e no BOE.
 

A súa principal carencia (o escaso uso na lexislación publicada) pode deberse probablemente ao feito de ser unha recomendación moi recente, e non a unha valoración negativa.

  
[Actualización: 03/06/2013]

No Dicionario castelán-galego da Real Academia Galega recoméndase o emprego de someterse a como equivalente do castelán allanarse a. É curioso que esta forma, defendida por un dicionario académico, non acadase ningunha difusión, nin nos documentos técnicos, nin nos recursos lingüísticos posteriores.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.09.2024.