167. Xogando a converterse en gamos?
Hai un par de semanas falabamos de startup, e diciamos que se trataba dun anglicismo difícil de integrar en galego. Pero a verdade é que hai outros que encaixan tan ben que practicamente entran sen chamar. E para mostra, un exemplo ben curioso co que batemos hai uns poucos días: a gamificación.
Para os profanos (coma min mesmo ata antonte), cómpre aclarar que o concepto non ten que ver coa caza, nin os gamos pintan nada nesta historia. O asunto vai de xogos (velaí, agachadiño, o game do inglés), e pode describirse como 'o emprego de mecanismos e incentivos propios dos xogos a contextos que non son lúdicos, co fin de promover unha maior implicación das persoas participantes na realización das tarefas que eses contextos requiren".
A facilidade coa que pode integrarse nas linguas románicas provoca que en todas elas se atopen múltiplos exemplos de uso (gamificación, gamification, gamificação, gamificació...). Pero tamén é practicamente unánime a súa consideración como un híbrido superfluo (para que empregar game, se contamos co seu equivalente xogo?) que é conveniente evitar. E para iso recoméndanse denominacións alternativas, case todas creadas a partir do adxectivo "lúdico":
- ludificação, en portugués
- ludificación, jueguización ou juguetización, en castelán
- ludification, en francés
- ludificació, en catalán
Todos os argumentos que xustifican evitar gamification nas linguas devanditas son aplicables ao galego, polo que o máis recomendable parece optar por unha forma paralela á destas. Esquezámonos, pois, dos gamos e dos games, e empreguemos ludificación. |