Ir o contido principal

169. Contidos curados é o contrario de contidos frescos?

Un idioma preciso

Os "falsos amigos" (parellas de palabras que, con formas semellantes en dúas linguas, significan cousas moi diferentes en cada unha delas) son uns visitantes habituais destas páxinas. Hoxe acompáñanos outro, propio da xestión de contidos dixitais: a curación de contidos.
 

Como moita da terminoloxía relacionada coas TIC, trátase dun préstamo do inglés (content curation) que parte da semellanza entre curation e curación, pero deixando de lado que o significado de ambas é moi diferente. En galego, curar non ten o valor de 'select, organize, and look after the items in (a collection or exhibition)' propio do seu equivalente inglés, e non parece ningunha das acepcións galegas ('sanar' ou 'conservar grazas á acción do sal, do fume ou da exposición ao aire') sexan aplicables aos contidos.
 

Pero non só en galego nos deixamos arrastrar por esa semellanza. Os nosos veciños casteláns (curación de contenidos), franceses (curation de contenu) ou cataláns (curació de continguts) tamén fixeron o mesmo. O caso do portugués é distinto, aínda que empregue curadoria de conteúdo: nesta lingua, a forma curador ten un significado semellante ao do curator inglés, así que non estariamos diante dun caso de "falsos amigos".
 

Se galegos, casteláns e franceses compartimos o problema e o seu diagnóstico, tamén buscar unha forma semellante de resolvelo: evitar o uso de curador/curación e recomendar outras alternativas para nomear ese concepto:

Para chegar ao nome máis adecuado en galego poderiamos optar por dúas vías: calcar o proceso de creación da denominación inglesa, ou buscar a palabra galega que describa de forma máis precisa as funcións desa profesión.
 

A primeira levaríanos a comezar de comisario, equivalente do curator inglés, construíndo a partir del formas como comisariamento de contidos ou comisariado de contidos, para describir a actividade profesional. Para a segunda, vistas as características da content curation, parece que unha alternativa como edición de contidos encaixaría con bastante exactitude.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.11.2023.