Ir o contido principal

17. De *sillares, perpiaños e cachotes

Un idioma preciso

Na Precisión 9 sinalamos a conveniencia de intentar recuperar ou manter o léxico propiamente galego naquelas disciplinas técnicas en que se usaba tradicionalmente, e destacamos a presión exercida polos termos casteláns ou ingleses como o maior obstáculo para o facer. A cuestión sobre a que centraremos a Precisión de hoxe pode servir como ilustración do que acabamos de dicir, pero cun matiz engadido: pódese dar o paradoxo de que a propia vitalidade dos termos galegos ocasione outro tipo de vacilacións que indirectamente axuden ao asentamento do termo foráneo.

É abondo coñecido que o mundo da construcción, sobre todo no que ten que ver co ramo da cantería, posúe unha abondosa terminoloxía en galego que, en principio leva a desconfiar da necesidade de importar palabras alleas para nomear conceptos básicos desa disciplina. Por ese motivo, a práctica totalidade dos diccionarios galegos desaconsella o uso do castelanismo *sillar para referirse á 'un tipo depedra tallada con forma de prisma rectangular empregada na construcción de muros, piares, etc.' (vid. imaxe). Esa unanimidade xa non se mantén á hora de propor unha forma alternativa: algúns traballos (Gran diccionario Xerais da lingua) recomendan o emprego de perpiaño; outros (Léxico de urbanismoDiccionario Xerais castelán-galego) engaden ao anterior pedra de cantería e outros (Léxico de arqueoloxía) propoñen empregar unicamente esta última denominación.

A existencia de varias formas sinónimas para o mesmo concepto non suporía ningún problema, se non fose que en determinadas zonas de Galicia algunhas delas designan tipos de pedra distintos. Así un perpiaño pode ser, ademais do xa indicado, unha 'pedra de forma prismática que se coloca de forma transversal ao muro, atravesándoo e axudando a trabalo', obxecto tamén denominado xuntoiro ou tizón. Por outro lado, pedra de cantería pode designar 'calquera tipo de pedra granítica empregado na construcción' definición dentro da que se incluirían tanto os cachotes (anacos de pedra de forma irregular) como os perpiaños, entendidos en calquera dos dous sentidos.

Esta indeterminación provoca que en bastantes textos en galego se empregue o castelanismo *sillar, que remite de forma inequívoca ao concepto que nos ocupa, moitas veces apoiándose no feito de que o portugués importou tamén esa mesma forma, adaptándoa á súa grafía (silhar).

Na nosa opinión ese non é o camiño aconsellable. Parécenos preferible intentar integrar os termos propios do galego na linguaxe técnica da construcción, aínda que eso supoña establecer algunha restricción sobre o seu significado. Estas restriccións non teñen por qué actuar sobre os niveis non especializados da lingua, que poden seguir mantendo a diversidade que máis arriba sinalamos.

Polo tanto, proporiamos as denominacións perpiaño ou cantería[1] para designar o 'tipo depedra tallada con forma de prisma rectangular...', xa que son as que con máis frecuencia se empregan na documentación técnica.[2] A forma pedra de cantería reservámola para o concepto xenérico que designa os distintos tipos de pedras graníticas empregados tradicionalmente na construcción: os perpiaños, os cachotes e nalgún caso os croios.

Coas denominacións xuntoiro ou tizón designariamos a 'pedra que se coloca de forma transversal ao muro co fin de axudar a trabalo, e que nalgún caso poden sobresaír del para axudar a fixar outro muro a este'.

 

----------------------------------

[1] Esta palabra fai tamén referencia á 'arte e técnica de labrar a pedra'. Parece, xa que logo, que o sentido trasladouse do proceso de traballo ao obxecto resultante dese labor (o bloque xa tallado).

[2] A modo de exemplo, véxanse dúas citacións salientables polo prestixio do autor ou da entidade que as acolle. A primeira é de Xaquín Lorenzo (Os oficios, Vigo, Galaxia, páx. 10-11)

A parede máis completa é o perpiaño, a base de pezas en forma de paralelepípedos, colocadas de tal xeito que as xuntas forman liñas seguidas e horizontais; cando as pedras non son todas do mesmo grandor, constitúen o perpiaño concertado.

e a segunda da sección "Oficios" da páxina web do Museo do Pobo Galego.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.11.2023.