Ir o contido principal

171. Cócteles de enerxías: "energy mix"

Un idioma preciso

A expresión mix enerxético designa o 'conxunto das fontes primarias (carbón, petróleo, gas, nuclear, hidroeléctrica, eólica, solar...), coa súa ponderación relativa, empregadas nun momento determinado para a produción enerxética nun determinado espazo xeopolítico (estado, rexión...)'. É, xa que logo, unha fotografía que sinala as fontes que se usan e a porcentaxe que cada unha delas representa sobre o total.
 

Desde o punto de vista lingüístico, a expresión constrúese como un híbrido de calco (que nos debería levar a "mestura enerxética" ou "combinación enerxética") e de importación directa da forma inglesa (energy mix), mecanismo tamén empregado noutras linguas europeas (mix de energía ou mix energético en castelán, mix energétique en francés, ou mix energético en portugués). Pero en todos estes idiomas podemos atopar recomendacións que invitan a prescindir dos híbridos e potenciar o emprego de alternativas que exclúen a importación do mix inglés, como combinación energéticasurtido energético ou matriz energética en castelán, bouquet énergétique en francés ou cabaz energético en portugués.
 

Tendo en conta iso, parece que en galego debería optarse por un camiño paralelo, evitando o emprego de de mix enerxético e substituíndoo por algunha das denominacións alternativas que se documentan nas fontes reais (cesta enerxéticacombinación enerxéticamestura enerxética...).
 

De ter que elixir unha delas, esta sería cesta enerxética, xa que o uso de cesta co valor metafórico de 'conxunto e cantidade de produtos que son consumidos por parte de X nun momento determinado' ten plena vitalidade en expresións como cesta da compra.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.11.2023.