Ir o contido principal

172. "Vial" e "viario": feitos o un para o outro?

Un idioma preciso

A palabra vial ten en castelán varios significados. O máis frecuente é que se trate dun adxectivo derivado de vía que ten en viario o seu equivalente galego, segundo os dicionarios académicos. Pero é esta mesma a forma que debemos empregar para referirnos aos outros dous conceptos?
 

Se nos fiamos do uso real case habería que dicir que si, pois podemos atopar centos de exemplos en que viario se emprega como un substantivo -contradicindo as recomendacións da Real Academia- que nomea calquera "camiño dotado cun nivel de urbanización suficiente para permitir o acceso rodado". No entanto, seguindo o Dicionario visual da construción, consideramos que este uso cae nun calco innecesario do castelán e que é preferible empregar vía ou vía urbana.
 

E tampouco debemos empregar viario para designar o "recipiente de vidro ou de plástico de pequeno tamaño que contén un fármaco ou produto químico e de onde se extrae para a súa administración ao paciente". Neste caso, estariamos perante unha palabra inglesa (vial) que foi incorporada sen modificacións polo castelán e o portugués, neste último caso en paralelo á forma frasco para injectáveis. Nestas circunstancias, parece razoable que o galego integre tamén o anglicismo (vial), tal e como se recomenda no Gran dicionario Xerais da lingua, no Dicionario galego de termos médicos, ou no Vocabulario de medicina.
 

Resumindo: que ofrecer unha simple equivalencia "vial (castelán) = viario (galego)" pode confundir máis do que aclara. Cómpre comprobar qué conceptos poden ser representados por esa denominación e ver a cal(es) deles é aplicable a esa equivalencia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.11.2023.