Ir o contido principal

178. Depreciación e desvalorización

Un idioma preciso

Esta precisión parece que a comezamos polo final, cunha afirmación: en galego debemos evitar formas como *devaluar e *devaluación, xa que a Real Academia Galega, e atrás dela outras moitas fontes considéranas castelanismos.
 

Como formas alternativas recoméndase desvalorizar ou depreciar, (e nalgúns outros traballos, tamén devaliar). E precisamente desa suposta sinonimia imos falar hoxe.
 

Posiblemente sexa certo que nun nivel de lingua non especializado, desvalorizar e depreciar signifiquen o mesmo, e tanto teña escribir "...un coche desvalorízase no momento en que sae do concesionario..." ou "...un coche depréciase no momento en que sae do concesionario...". Pero como termos de política monetaria non son sinónimos.
 

Depreciar e depreciación fan referencia á perda de valor dunha moeda con respecto a outra, provocada por cambios na oferta e na demanda de divisas. Pola súa parte, desvalorizar e desvalorización designan a perda de valor dunha moeda con respecto a outra, provocada por unha decisión política das autoridades que a regulan. Os fenómenos de sentido contrario coñécense como apreciar/apreciación (cando a moeda gaña valor grazas á lei da oferta e a demanda), e revalorizar/revalorización (se o gaña por unha decisión de política monetaria).
 

Restrinxamos, entón, esa suposta equivalencia depreciar = desvalorizar aos contextos de uso non especializados, e manteñámolas como formas próximas pero diferentes na documentación técnica, nomeadamente do ámbito da economía.
Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.11.2023.