Ir o contido principal

179. As razóns da "ratio"

Un idioma preciso

Segundo a Real Academia Galega, un dos significados da palabra razón (do latín "ratio") é o de 'cociente entre dúas cantidades'. Con variacións gráficas mínimas, iso mesmo dino tamén os dicionarios de español (razón) e portugués (razão).
 

O inglés opta por incorporar directamente a forma latina ratio, posibilidade que -por imitación- español (ratio) e portugués (ratio ou rácio) tamén admiten como correcta.
 

Nun contorno así, parécenos sorprendente que a Academia Galega non lle dea lexitimidade explícita ao uso do latinismo, por moito que nos chegue a través do inglés. Que sexa admitido nas linguas veciñas, que poida integrarse sen problema ningún nas estruturas gráficas e fonéticas do galego, e que teña unha presenza ben asentada tanto en glosarios técnicos como na documentación especializada en galego, parecerían razóns abondas para facelo. Pero de momento non é así.
 

Polas razóns que acabamos de apuntar, nós optamos por tratar razón e ratio como sinónimos, polo menos mentres a Academia non desaconselle explicitamente o emprego da forma latina.
Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.11.2023.