180. Plantas que ruben, animais que gatean
Na natureza existen especies vexetais ou animais (nomeadamente aves) que teñen entre as súas características máis salientables a capacidade de medrar (as plantas) ou subir por superficies verticais. É por causa dela que en castelán se lles asigna o nome de trepadoras.
Como en galego trepar significa algo ben diferente, imos ver qué nome debemos empregar para referirnos a esta característica.
A Real Academia Galega daba unha resposta clara no seu Dicionario castelán-galego: gabeador, tanto para referirse aos vexetais como aos animais. En principio, aquí podería morrer o conto, pero resulta que esa palabra non se recolle nin no Vocabulario ortográfico da lingua galega nin no Dicionario da lingua galega. Curiosamente, si atopamos o verbo gabear, para o que se dan dúas acepcións (1 e 3) que describen case exactamente as particularidades de animais e vexetais que estamos intentando nomear.
Nesa mesma entrada indícase que aganchar, agatuñar, arruñar, gatear ou rubir teñen os mesmos significados. De todas elas interésannos especialmente as dúas últimas pois para elas o Dicionario si recolle adxectivos derivados (gateador e rubideiro, respectivamente).
Para o primeiro dáse unha definición puramente remisiva ('Que gatea'), pero os exemplos de uso amosan que a Academia entende que pode aplicárselle tanto a plantas ('A hedra é unha planta gateadora') como a animais ('O coala é un animal gateador'). A definición que se ofrece para o segundo é moito máis detallada ('[Planta] que medra suxeitándose nun soporte, ben enrolándose, ben a través de órganos fixadores especiais.'), pero tanto esta como o exemplo de uso ('Plantas rubideiras') restrinxen o seu ámbito de uso ás especies vexetais.
Chegados a este punto, imos intentar organizar toda esta información e presentar unha conclusión.
De entre todas as formas sinónimas que se nos ofrecen para referirnos ao que en castelán se coñece como trepar, en contextos técnicos deberiamos usar preferentemente gatear ou rubir, xa que só para elas se recollen explicitamente adxectivos derivados (gateador e rubideiro). Pero eses adxectivos non deben usarse como sinónimos perfectos, xa que ao segundo atribúeselle un significado máis restrinxido ca ao primeiro. Así, mentres gateador pode caracterizar tanto unha especie animal como vexetal, rubideiro só debería aplicárselle ás especies de plantas. |