188. Reciclar palabras para falar de reciclaxe
Hai uns poucos días vin en Twitter un chío do Departamento de Educación Ambiental de Sogama que falaba da "exposición de fotografía sobre reciclaxe Upcycling". A deformación profesional levoume a fixarme na palabra inglesa e na forma en que parece identificarse con reciclaxe.
"Outra vaca no millo!", pensei; "Outros que lle chantan unha palabra inglesa a algo que xa ten nome en galego, para ver se así parece máis moderno!". E empecei a buscar información pensando en dedicarlle este apuntamento d'Un idioma preciso ao tal upcycling. E xa ven que o estou facendo, pero teño que dicirlles que metín a pata.
E metina porque no material que atopei descubrín que reciclaxe e upcycling non significan o mesmo; así que non podo despachar o asunto dicíndolle algo como "usen a primeira e esquezan a segunda". Temos primeiro que determinar que é cada cousa e despois atopar o nome que mellor lle acae (e o mesmo para o seu parente downcycling).
Por comezar polo máis coñecido, a reciclaxe é a práctica de valorización que consiste someter un obxecto a un proceso de transformación que permite incorporalo —a el ou a parte dos seus compoñentes— no proceso de fabricación dun produto semellante ou con función análoga. Por exemplo, botellas de vidro poden transformarse en novas botellas.
En teoría, este ciclo podería ser infinito (por iso se representa con este logotipo); pero outras veces estes procesos de valorización acaban producindo obxectos de valor superior ou inferior ao dos orixinais. E aquí é onde entran en xogo os nosos dous anglicismos:
- O upcycling é a modalidade de reciclaxe que é quen de transformar materiais ou produtos que xa non se usan noutros de calidade ou utilidade superior. Facémolo ao convertermos tarros de vidro en lámpadas, chanclas en obxectos decorativos ou cámaras de rodas en roupa e accesorios deportivos. Esa idea do valor superior represéntase en inglés co up-; e en galego podemos optar por un procedemento semellante, botando man do prefixo supra- para construír suprarreciclaxe ou supraciclaxe.
- Á modalidade de reciclaxe que só transforma os materiais orixinarios noutros de calidade ou utilidade inferior, ou que teñen ciclos de vida máis curtos (converter papel de escritura en cartón, rodas en pavimentos...), chámaselle en inglés downcycling, aplicando o mesmo patrón do caso anterior. Do mesmo xeito, en galego podemos falar de infrarreciclaxe ou infraciclaxe.
Vemos, pois, que non fai falta importar palabras para referirse a estes dous novos conceptos. É mellor reciclar materiais do propio galego (o susbstantivo reciclaxe e os prefixos supra- e infra-) para construír novos termos (suprarreciclaxe, infrarreciclaxe) que se van adaptar perfectamente ao noso ecosistema lingüístico. Algo que non se pode dicir das palabras inglesas, que obrigarían a forzar as regras de escrita e de pronuncia do galego. |