Ir o contido principal

19. Clúster e joint venture: problemas que parecen semellantes pero que non o son.

Un idioma preciso

Non sei se “gracias á” ou “por culpa da” mundialización das economías as empresas tenden a organizarse cada vez máis de xeito cooperativo para mellorar a súa competitividade (o termo de moda da xestión empresarial) e poder acceder e máis e mellores oportunidades de negocio.

Esa organización pode plasmarse en estructuras diversas: agrupacións de interese económico, unións temporais de empresas, novas sociedades... Pero tranquilos, que a nosa intención non é contar o que non sabemos sobre organización empresarial, senón reflexionar sobre dous termos pertencentes a esta área que se están asentando no galego directamente como estranxeirismos: referímonos a cluster e joint-venture.

O primeiro deles defínese como un “conxunto ou grupo de empresas pertencentes a diversos sectores relacionados, conectadas mutuamente nos sentidos vertical, horizontal e colateral ó redor duns mercados, tecnoloxías e capitais productivos que constitúen núcleos dinámicos do sector industrial, formando un sistema interactivo no que poden mellorar a súa competitividade”.[1]

A palabra que se emprega para referirse a el é un substantivo común en inglés que se podería traducir por “conglomerado” –e de feito noutras áreas de especialidade, como a da química, emprégase esa denominación como equivalente do cluster do inglés. Pero no ámbito da economía a presencia da forma estranxeira é moi maioritaria,[2] aínda que documentamos tamén o emprego de conglomerado industrial nunhas poucas páxinas.

Á parte da evidente presión que o inglés exerce neste momento sobre as outras linguas, esta presencia do anglicismo explícase tamén polo feito de que é facilmente encaixable no galego. Na correspondencia grafía <=> pronuncia presenta só unha pequena distorsión -pois maioritariamente noméase como [‘klaster]- que probablemente irá desaparecendo co tempo para acabar amoldándose á grafía e pronunciándose como [‘kluster]. Pola súa parte, a grafía só precisa integrarse nas pautas acentuais galegas e adaptarse en clúster, tendencia que xa se detecta en abondos exemplos documentais.[3]

Tendo en conta todo o devandito, cremos que se pode asumir sen problemas a aceptación de clúster como préstamo do inglés para o galego no ámbito da economía e da empresa, ben en paralelo, ben como sinónimo complementario de conglomerado industrial.[4]

 

O segundo dos termos que hoxe nos interesan (joint venture) designa en inglés un “tipo de entidade empresarial formada pola unión ocasional de dúas ou máis empresas independentes desde o punto de vista xurídico, que deciden poñer en común os seus coñecementos, a súa tecnoloxía ou os seus recursos e compartir tamén os gaños e as perdas na realización dun proxecto particular.” Igual ca no caso anterior, o nome inglés ten unha importante presencia no galego, e tamén comparte o seu espacio coa denominación sinónima empresa conxunta, creada por traducción do orixinal.

Porén, neste caso vai ser moito máis difícil defender un tratamento semellante ao visto no exemplo precedente, pois nin a grafía nin a pronuncia do nome inglés se adaptan de xeito doado ás pautas propias do galego (o -j- é alleo ao noso alfabeto e a pronuncia inglesa - algo semellante a “lloint véntxa”- afástase moito do que sería esperable desa secuencia gráfica en galego).

Por iso, cremos que neste caso cómpre potenciar na medida do posible o emprego dunha denominación galega alternativa a joint venture, ben sexa o xa indicado empresa conxunta, ben sexa algunha outra proposta neolóxica (como por exemplo coempresa).

 

Esta liña é tamén a defendida -aínda que con éxito desparello- nas linguas do noso contorno (FR: coentrepriseentreprise en participation. ES: empresa conjunta. PT: empresa comumempresa conjunta. CT: aliança d’empresesempresa conjunta).

----------------------------------

[1] Actualmente en Galicia están constituídos, polo que nós sabemos, o de empresas de automoción, o da madeira, o da industria naval, o da acuicultura e o do audiovisual.

[2] Curiosamente, o único diccionario que recolle esta denominación en galego –a Enciclopedia Galega Universal- relaciónaa cun concepto da área da informática e non co que aquí estamos describindo, que é máis frecuente na documentación técnica nesta lingua.

[3] Porén, no plano morfolóxico amosa un nivel de integración moito menor (recollemos case sistematicamente clústers como forma de plural) aínda que esta forma de marcar o plural vai paralela á doutros préstamos xa perfectamente instalados no galego (pósterpub...)

[4] Esta é tamén a solución pola que parecen apostar as linguas do noso contorno (PT: cluster. ES: cluster. CT: clúster.) Soamente o francés defende -cun éxito relativo- o emprego de grappe ou grappe d’entreprises.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.11.2023.