195. Investigado, procesado, encausado, acusado... quen é quen?
A actualidade política destes últimos tempos fíxonos a todos case que expertos en procesos penais e nos seus procedementos. Termos como fase de instrución, apertura de xuízo oral, procedemento ordinario, procedemento abreviado, segredo do sumario... convertéronse en habituais na prensa e nos informativos de radio e televisión, e fixéronse tamén familiares para nós.
Pero que nos sexan familiares non quere dicir que coñezamos con exactitude o seu significado. Por iso, hoxe imos deternos nos termos que designan a persoa contra a que se dirixe o proceso penal (tecnicamente, a parte pasiva). Escoitamos moitas veces falar de imputados, investigados, procesados, encausados ou acusados, pero vexamos as fronteiras que a lexislación vixente marca entre unhas e outras figuras.
Por exemplo, o investigado é a persoa sometida a unha investigación xudicial que trata de determinar a súa participación nun delito, despois de que se admitise a trámite unha denuncia ou querela contra ela. Ata o 2015 esa situación procesual recibía o nome de imputado, pero a Lei orgánica 13/2015 prescribiu o cambio de denominación co fin de "eliminar determinadas expresións usadas de modo indiscriminado na lei, sen ningún tipo de rigor conceptual, tales como imputado, con que se alude á persoa sobre a cal tan só recaen meras sospeitas e por isto resulta investigada, pero respecto da cal non existen suficientes indicios para que se lle atribúa xudicial e formalmente a comisión dun feito punible."
A medida que eses "suficientes indicios" de participación nun feito delituoso van aparecendo, no procedemento ordinario (e só nel) o xuíz pode ditar un auto declarando procesado a esa persoa. Desde ese momento, a investigación vai tratala como autor suposto do delito que se investiga.
O proceso segue o seu camiño, a investigación xudicial chega ao seu fin, e os indicios e probas que inculpan á nosa persoa son cada vez de máis peso. Se a Fiscalía ou a acusación particular —se a houber— propoñen que se abra un xuízo oral contra ela, baseándose neses indicios, a persoa pasará a estar encausada. Isto quere dicir que encausar e procesar son dous conceptos xurídicos diferentes, e que empregar a mesma palabra para referirnos a ambos, como recomenda algún dicionario galego, é algo que debemos evitar, pois provocaríase unha perigosa ambigüidade.
Pero o noso protagonista aínda pode pasar (ou non) por un estado máis. O xuíz ou o tribunal poden decidir desestimar a proposta anterior e sobreser a causa, ou poden aceptala e abrir o xuízo oral. Se optan por isto último, a Fiscalía ou a acusación particular formulan unha acusación concreta contra a esta persoa, que a partir dese momento pasa a ser un acusado.
Esperamos que agora si poidamos dicir que entendemos ben as diferenzas entre todos estes conceptos xurídicos, e que isto nos axude a seguir mellor o proceloso mundo dos procesos xudiciais. Aínda que sería ben preferible que os informativos non tiveran que falar deles día sí, día tamén... |