Ir o contido principal

199. Restaurar, rehabilitar, recuperar ou reconstruír un ecosistema?

Un idioma preciso

Despois de dous anos de hibernación, moitos pensariades que a parada era xa unha defunción (✝RIP). Pero levabamos tempo pensando en resucitar esta sección, e o Día Mundial do Medio Ambiente deste ano pareceunos unha boa ocasión: que se elixise como tema a restauración de ecosistemas, xusto cando pensabamos en "restaurar" Un idioma preciso, era unha coincidencia merecente de ser aproveitada.

Por iso, nesta primeira precisión "resucitada" fixarémonos nuns cantos termos vinculados a esa conmemoración, que ás veces se empregan de forma imprecisa. Imos alá:

  • O máis ambicioso deles é a restauración ecolóxica. Chámaselle así ao proceso de asistencia á recuperación dun ecosistema degradado, danado ou destruído por accións externas, que busca devolvelo integralmente ao seu estado previo á degradación. Tamén se lle chama, por veces, restauración de ecosistemas, pero outros especialistas reservan esta denominación para as actuacións de recuperación que atenden máis á achega de servizos ecosistémicos ca á propia restauración integral.

    Esta restauración pode ser activa, se hai intervención humana directa para orientala e acelerala (replantando especies, por exemplo), ou pasiva, cando a intervención se limita a eliminar os elementos que causaron a degradación, e deixa despois que o ecosistema se recupere por si mesmo.
  • A rehabilitación ecolóxica ou rehabilitación de ecosistemas é un proceso menos ambicioso. Non aspira a devolverlle a un ecosistema as características previas á degradación, pero intentar recuperar ao máximo a súa funcionalidade, produtividade e os servizos ambientais que pode producir. Por ese motivo, permítense intervencións como a introdución de especies inexistentes no ecosistema previo, que non terían cabida nunha restauración.
  • Se os terreos estan tan degradados que non é posible recuperar nin a estrutura nin a funcionalidade do ecosistema orixinal, adoita poñerse en marcha unha recuperación de terreos: un conxunto de prácticas que aspiran a devolverlles a eses espazos valor para a natureza ou a agricultura aínda que sexa a niveis modestos. Cando se actúa sobre espazos industriais ou mineiros, sobre entulleiras, ou cando se converte un vertedoiro nun parque, vemos actuacións deste tipo.
  • Por último, se o ecosistema debe ser reconstruído na súa totalidade, ou se se tomou a decisión estratéxica de instalar un ecosistema totalmente diferente do preexistente, do que falamos é dunha reconstrución ecolóxica ou creación de ecosistemas, como cando se crea un lago nunha antiga explotación mineira.
Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.09.2024.