Ir o contido principal

20. Cando a abundancia é un problema: o caso de arenisca

Un idioma preciso

Cando un concepto chega a unha sociedade e esta busca darlle nome ábrese sempre unha disxuntiva entre a recuperación de léxico galego ou o recurso ao préstamo (da forma ou do procedemento formativo) dunha unidade doutro idioma.

O triunfo dunha destas dúas vías vai estar condicionado por diversos factores (algúns lingüísticos e moitos outros extralingüísticos) que configuran unha trama complexa de máis para ser descrita aquí.[1]

Precisamente esta posible intervención de diversos factores é a que provoca casos como o que hoxe imos analizar, nos cales perante un problema terminolóxico concreto ("¿cál debe ser o nome galego para a rocha que en castelán se coñece como arenisca[2]?") distintos traballos cadansúa proposta non só levemente diferentes, senón diverxentes na medida en que unhas optan pola extensión semántica de termos galegos e outras polo préstamo.

O primeiro dos camiños ségueno o Diccionario Xerais castelán-galego, o Léxico de xeografía e o Léxico de arqueoloxía, que propoñen o uso da denominación pedra de gra. Porén, esta denominación xa estaba viva en galego para designar unha rocha distinta, como se comproba no Diccionario Gallego-castellano de Eladio Rodríguez, que define pedra de grau como "granito de grano grueso", ou no Léxico de urbanismo, construcción e arquitectura (castelán-galego) do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e o Servicio de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, onde pedra de grao se vincula ao español piedra granítica.

Xa que logo, esta proposta de usar un mesmo nome para dous conceptos moi próximos parece ir en contra do principio de claridade e da tendencia á univocidade que presiden a linguaxe científica, pois potenciaría -cremos nós- a confusión na mención dos devanditos conceptos.

A maioría dos diccionarios galegos optaron polo camiño do préstamo. Ás veces este tomouse do castelán, como no Vocabulario das Ciencias Naturais (Santiago, Xunta de Galicia, 1990) onde se recomenda unha forma areísca, claramente influída por arenisca. Ten que ser un castelanismo porque as outras linguas do noso contorno presentan nomes que nada teñen que ver con ningún dos dous termos que vimos de indicar: gres no caso do catalán, grès no francés, sandstone para o inglés e arenito en portugués.

Precisamente o termo do portugués é o modelo que se imita en diccionarios galegos elaborados desde un enfoque reintegracionista, como o Diccionario da lingua galega de Sotelo Blanco e o Manual de léxico científico. Aplicando o principio segundo o cal ese idioma constitúe o canon sobre o que se debe construír a norma culta do galego (galego-portugués segundo o seu punto de vista) propoñen empregar arenito tamén na documentación nesta lingua.

Unha proposta menos dependente das linguas do contorno, aínda que inspirada no portugués é a que se presenta no Diccionario das ciencias da natureza e da saúde (A Coruña, Deputación), onde se aconsella o uso de arenita. Este termo constrúese sobre o modelo de arenito, pero cambia o sufixo por "-ita" para manter a regularidade denominativa con respecto a outros moitos nomes galegos de rochas (alexandritaandesitaanfibolitaanhidritaantimonitaantracitaapatitaaragonitaarsenopirita...).[3]

De todos os termos que acabamos de indicar o máis adecuado é, na nosa opinión, arenita xa que evita a imprecisión que podía derivarse do uso de "pedra de gra", elimina a influencia do castelán que provocaba "areísca" e intégrase de forma natural nos paradigmas denominativos do galego, ao revés do que pasaba con "arenito".

 

----------------------------------

[1] Aínda así, nalgún artigo anterior (vid. Precisión 4) presentamos exemplos que ilustran unha circunstancia na que para nós é innecesario acudir ao préstamo.

[2] Podemos definila como unha "rocha sedimentaria de orixe detrítica orixinada a partir de depósitos areentos formados por pequenos grans de cuarzo ou outros minerais -feldespato, mica...-, unidos e consolidados por medio de cementos silíceos ou calcarios".

[3] A conservación do -n- intervocálico, que podería parecer un influxo do castelán, débese realmente ao feito de que se trata dun cultismo, que non perdeu esa consoante -tampouco en portugués- igual que non a perden palabras como arenífero ou arenícola.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.11.2023.