201. Monopatinaxe, softbol e outros novos deportes olímpicos
Nestas horas en que se están inaugurando os Xogos Olímpicos de Tokio parece un bo momento para pousar os ollos sobre eles e sobre os novos deportes que se incorporan a esta edición da competición. E terá un lingüista algo interesante que contar sobre eles?
Dalgúns, como o surf ou a escalada deportiva, ben pouco, a verdade... Os nomes que lles damos en galego son ben coñecidos, e non lle crean dúbidas a ninguén. Unicamente, apuntar que os deportistas que os practican son, respectivamente, os surfistas (non son surfeiros) e os escaladores. Pero, atención aos outros deportes porque...
A arte marcial de orixe xaponesa que se estrea como disciplina olímpica en Tokio é o karate (non kárate), pois inténtase reproducir aproximadamente a pronuncia do xaponés orixinal. E quen practica este deporte é un karateka.
Tamén é olímpico o béisbol —con acentuación grave—, pero só na competición masculina, pois as mulleres van competir na variedade denominada softbol —con acentuación aguda. Se pensamos en fútbol ou en voleibol é doado decatarse de que os nomes de deportes que en galego rematan en -bol oscilan entre estas dúas pronuncias.
E o novo deporte olímpico que nos falta é a monopatinaxe (nome que aconsella a Real Academia Galega para evitar a expresión inglesa skateboarding). E o deportista que o practica é un monopatinador (e non un skater).
E xa que estamos, imos rematar fixándonos tamén no nome da propia competición: podemos usar indistintamente xogos olímpicos e olimpíadas (non olimpiadas, ollo ao til no segundo -i-) para referirnos a ela (os Xogos Olímpicos ou as Olimpíadas de Tokio). Pero ademais, a segunda expresión tamén fai referencia ao 'período de catro anos comprendido entre dúas celebracións consecutivas de xogos olímpicos'.
E o mesmo ocorre coa parella xogos paralímpicos (non paraolímpicos) / paralimpíadas (non paraolimpíadas). Podemos empregar calquera das dúas para referirnos á 'competición deportiva internacional para persoas con discapacidade que se celebra cada catro anos na mesma sede que os xogos olímpicos, unha vez que estes finalizan'.