Ir o contido principal

207. O "nabo do diaño", un suplantador de identidades

Un idioma preciso

Contan estes días os medios galegos que o pasado mes de decembro un veciño de Bergondo morreu por causas daquela descoñecidas. As primeiras observacións invitaban a pensar nun infarto, pero investigacións máis detalladas descubriron hai poucos días que se tratou dunha intoxicación alimentaria.

E cal foi a causa da morte? Segundo estes mesmos medios, a inxestión de tubérculos de "nabo do diaño", unha planta da familia das Umbelliferae.

Pero se queremos identificar esta planta para prevernos de consumila, descubrimos con sorpresa que é case imposible, pois non hai "nabos do diaño" en ningunha das guías ou dicionarios botánicos que podemos consultar en galego. Algo ben raro, non? Por que prensa e televisión en galego utilizarían un nome que os propios galegos non usamos nin coñecemos? Andará o castelán polo medio?

Pois abofé que anda! "Nabos do diaño" non atopamos, pero nabos del diablo en fontes en castelán, os que se queiran.

E agora de repente... enténdese de onde xorden eses "nabos do diaño" imposibles de documentar. Os medios que os citaban elaboraron as súas informacións probablemente partindo dun documento policial ou xudicial en castelán, e limitáronse a traducir o nome da especie vexetal sen preguntarse se en galego podería ter un nome diferente. Porque... "se en castelán se chama nabo del diablo, como se ha chamar en galego máis ca nabo do diaño?"

Pois velaí a pregunta: como se chama en galego? Pois tendo o nome castelán que nos permite identificar a especia (Oenanthe crocata) a cousa é ben doada e non leva máis dun minuto de traballo: só hai que buscar en fontes galegas usando ese dato para atopar o nome que debera aparecer nos medios: pé de boi. Unha forma que atopamos en dicionarios, obras en castelán, páxinas web... e que ata bautiza grupos musicais.

Así que non permitamos que o nabo del diablo se disfrace de galego para intentar suplantar a identidade do noso pé de boi.

E pidámoslles a eses medios de comunicación un pouco máis de interese e profesionalidade: elaborar textos en galego é moito máis ca traducir literalmente as versións en castelán; algo que cada vez se ve con máis frecuencia debido ao emprego masivo das ferramentas de tradución automática sen revisión posterior. Se ninguén pensaría en usar en castelán meaperro para referirse ao Taraxacum officinale, usando como argumento que en galego o seu nome é mexacán, tampouco é xustificable facer a mesma reflexión en sentido contrario.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.09.2024.