Ir o contido principal

211. As palabras que chegan coa calor

Un idioma preciso

De que iamos falar eses días se non damos pensado noutra cousa máis ca na calor que vai? Con case toda Galicia por riba dos 30° C e moitos lugares (ata na costa) superando os 40°, toca botarlle o ollo a algúns termos relacionados con esta vaga de calor que nos asolagou.

O primeiro é o propio protagonista: vaga de calor ou onda de calor. Case non fai falta explicar que ola de calor é un castelanismo do que debemos fuxir coma do sol nestes días, pero si é importante non confundila cun episodio de temperaturas extremas ou pico de calor. A primeira é un período de calor extrema —os detalles de ata que punto debe selo para acadar esa categoría explícanse aquí— que afecta unha zona extensa do territorio que se toma como referencia (Galicia, España…) durante un período mínimo de tres días consecutivos; pola contra no segundo pódense acadar os mesmos rexistros de temperatura, pero durante un período de tempo máis curto e nunha zona máis restrinxida.

Esta calor extrema esténdese ás noites e altera ou directamente impide o noso descanso. Por iso, se asumimos que isto vai ser cada vez máis frecuente, é bo que nos vaiamos familiarizando cos conceptos de noite tropical (aquela en que as temperaturas mínimas non baixan de 20° C) e noite tórrida ou ecuatorial (cando as mínimas non baixan dos 25° C).

E se houbese que destacar un fenómeno atmosférico típico destes episodios de calor sería probablemente ese aire quente e roxo, que parece saír da boca dun forno e que provoca unha sensación sufocante, ao que en castelán lle chaman bochorno. En galego, a RAG tamén nos dá licenza para empregar esa palabra pero tendo palabras específicas e tan descritivas como fogaxe, calmazo, recalmo ou requeimón, apostar polo diferencialismo parécenos ‘refrescante’ neste caso.

Oxalá as cousas se vaian normalizando, volvamos a temperaturas máis compatibles coa vida diaria e poidamos dedicar o seguinte texto d’Un idioma preciso a outro tipo de termos.
Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.09.2024.