Ir o contido principal

3. Screening, un anglicismo presente en varios ámbitos de especialidade

Un idioma preciso

En inglés, screening é unha denominación que se asocia a conceptos das máis variadas disciplinas, como podemos comprobar en calquera diccionario. Así, convértese en termo de áreas como cinematografía, electrónica, enxeñería xenética, telecomunicacións, etc.

Á hora de denominar eses conceptos nas linguas veciñas, é frecuente que se recorra sen moita reflexión a un calco mecánico do inglés, partindo do significado principal de screen que é ‘A movable device, especially a framed construction such as a room divider or a decorative panel, designed to divide, conceal, or protect’, e que poderiamos traducir como "pantalla".

Nembargantes, para moitos deses conceptos é posible empregar denominacións construídas desde as propias linguas romances, máis transparentes para o usuario, pois permiten deducir de xeito doado o significado a que aluden.

En medicina, en inglés denomínase screening ó ‘exame médico dun grupo de persoas co fin de diagnosticar unha ou varias doenzas ou anomalías, ou un ou varios factores de risco, segundo un método uniforme co fin de identificar os individuos que deben ser examinados de forma máis detallada’. En francés a palabra empregada é dépistage.

As linguas peninsulares recorreron a unha imitación irreflexiva do galicismo que ofreceu froitos tan curiosos como despistagem (PT) ou despistaje (ES), que parecen remitir a "despistar", e que son desaconsellables desde o punto de vista da calidade lingüística. Os diccionarios técnicos evitan tanto o galicismo como o anglicismo e defenden o reaproveitamento de palabras xa presentes no idioma, como rastreio ou rastreamento, no caso do portugués, e criba ou cribado no caso do español.

En galego, tamén podemos atopar algún caso no que se emprega despistaxe, pero polas razóns que acabamos de ver cremos preferible recorrer a substantivos propios como rastrexamentodetección ou cribaxe.

No ámbito da xenética, screening alude á ‘busca dun clon, bacteria ou fago, de ADN recombinante que contén a secuencia que interesa recuperar’. Tendo en conta que en inglés screen é a denominación que recibe o concepto que nós denominamos peneira, entendemos facilmente que en español se aconselle o uso de búsqueda ou cribado, e que en francés a forma recomendada sexa échantillonnage.

Xa que logo, en galego debemos potenciar o uso de peneirado ou cribaxe (esta última xa proposta no Diccionario de biología y patología moleculares (EN-ES-CT-EU-GL), Barcelona, SEQC, 1997).

En terceiro lugar, screening é tamén moi empregado no ámbito da enxeñería, especialmente na enxeñería química e na electrónica, para designar o ‘emprego de barreiras, normalmente compostas por materiais conductores, para prever que campos eléctricos, magnéticos ou electromagnéticos poidan penetrar na área que se intenta protexer ou saír dela’. Neste caso, a forma inglesa si está usada co sentido que máis arriba designabamos como principal, e por eso as linguas próximas a nós recorren a denominacións como blindage ou mise sous écran (FR); blindaje, escudo ou apantallamiento (ES); blindagem ou escudo (PT), todas as cales remiten á idea de ‘barreira divisora e protectora’.

Visto o anterior, para remitir a ese mesmo concepto en galego estase usando a forma apantallamento , e poderíase recorrer tamén a un neoloxismo como escudaxe.

Dentro das artes e espectáculos audiovisuais (especialmente en cinematografía) screening ou viewing empréganse en inglés para designar a ‘acción de ver unha emisión cinematográfica ou televisiva’. As linguas románicas do noso contorno crearon para este concepto neoloxismos de formación propia (visionamento en PT; visionado en ES; visionament en CT; visionnement ou visionnage en FR; etc.).

Polo tanto, sería razoable pensar que o galego ía seguir un procedemento neolóxico paralelo. Nembargantes, algunhas obras lexicográficas, como o Gran diccionario Xerais da lingua, desaconsellan o uso de "visionar" en galego -o que implica unha valoración semellante para todas as denominacións derivadas dese verbo- e propoñen no seu canto o emprego de "ver".

Se aceptamos esta recomendación habería que recorrer ó substantivo visión ou a denominacións non derivadas de "ver" como por exemplo proxección. Aínda así, cremos que as razóns en que se baseaba o xuízo anterior poden ser discutidas na medida en que se trata dunha derivación regular en galego, que conta con paralelos en todas as linguas veciñas. De feito, o uso real de visionado co valor que aquí estamos falando é amplo en galego.

Outra cuestión que se podería discutir é a conveniencia de potenciar o emprego de visionamento fronte a visionado, ó ser o primeiro un sufixo máis productivo en galego e coincidir coa denominación portuguesa.

Como se pode ver o galego aínda non asentou as denominacións dos conceptos que acabamos de presentar, polo tanto, a opinión dos especialistas, lingüistas e persoas interesadas en xeral é esencial para poder valorar con argumentos as vantaxes e inconvenientes de cada unha das propostas que aquí se formulan.

Esperamos contar con ideas, argumentos e participacións no foro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.11.2023.