33. Os enzimas e as modificacións da normativa
O tratamento que da terminoloxía se fai nos dicionarios e vocabularios galegos vén recibindo con moita frecuencia as críticas dos profesionais das diferentes áreas de especialidade. En xeral, destácase tanto a pouca relevancia que en moitos deses traballos se lle concede ao léxico especializado como a escasa competencia que moitos dos autores teñen das cuestións sobre as que tratan, ademais das propias formas galegas que se recomendan.
Un dos máis destacados analistas deste tipo de cuestións é o profesor Daviña Facal, que leva dados ao prelo unha serie de traballos moi interesantes. Nun dos máis recentes (Lingua e ciencia, Vigo: Xerais, 1999, páx. 63-64) sorprendíase de que os nomes dos enzimas[1] se recollesen en boa parte dos dicionarios galegos coa terminación –asa, contradicindo a evolución que sería esperable segundo as pautas de adaptación de cultismos,[2] e optando por unha solución diverxente con todas as outras linguas do noso contorno, coa excepción do castelán.
Así, mentres en galego e castelán podiamos atopar entradas como amilasa ou cimasa, o portugués (amilase, zimase), o francés (amylase, zymase), o inglés (amylase, zymase) ou o italiano (amilase, zimase) optaban por denominacións máis etimolóxicas e semellantes entre si.
Por este motivo, nalgúns dicionarios técnicos recentes –normalmente naqueles en que os especialistas xogaron un papel máis relevante no proceso de redacción– como o Diccionario galego de termos médicos ou o Diccionario das ciencias da natureza e da saúde, optouse por propor sistematicamente nomes rematados en –ase para os enzimas, independentemente do que ata ese momento prescribise a norma lingüística. Outros traballos, como na Enciclopedia Galega Universal ficaron nunha terra de ninguén intermedia recomendando nuns casos formas en –asa (adenilciclasa, aldolasa, amilasa, arxinasa…) e noutros formas en –ase (adenosidase, cimase, colinesterase, enteroquinase, enolase, dipeptidase…), rompendo así a unidade denominativa que debía aplicarse a todo o conxunto.
En calquera caso, e polo menos por esta vez, os lingüistas acabaron avalando as razóns dos técnicos, e na edición do Vocabulario ortográfico da lingua galega (VOLG) xa mencionada na nota 1 recórrese sistematicamente á terminación –ase para designar os nomes dos enzimas, como se pode ver en amilase, cimase, diastase, invertase, lactase, lipase, maltase, oxidase, redutase, ribonuclease ou urease.
Desta acumulación de exemplos, e do feito de que non se recolla ningunha forma rematada en –& amp; amp; amp; amp; amp; amp; amp; amp; lt; b>asa, podemos extrapolar unha prescrición, que nos leva a recomendar o emprego exclusivo das formas terminadas en –ase para referirnos aos distintos tipos de enzimas, con independencia do que figure en dicionarios ou vocabularios elaborados con anterioridade á publicación en papel do VOLG. |
----------------------------------
[1] O nome con que debemos referirnos en galego a este tipo de substancias biolóxicas tamén variaba segundo a fonte que consultaramos. Despois de anos de vacilacións entre enzima/encima o Diccionario da Real Academia Galega (1997) prescribiu o emprego da primeira como substantivo masculino (‘os enzimas’); a pesar diso segue sendo posible atopar traballos posteriores que recomendan a segunda, como o Gran diccionario Xerais da lingua. Sorprendentemente, o Vocabulario ortográfico da lingua galega (VOLG), publicado hai poucas semanas pola Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega volve semear dúbidas ao non recoller enzima e si incluír unha entrada para o substantivo encima. Agardemos que se trate só dun erro e non dun novo cambio de criterio.
[2] Nesas mesmas páxinas explícase que o elemento compositivo que se emprega para nomear os enzimas procede do nome que recibiu o primeiro dos que se descubriu (a diastase), copiado do francés diastase, onde se formou tomando como base o grego diástasis. Xa que logo, tendo en conta estas orixes, estes termos debían incorporarse ao galego coa terminación –ase.