Ir o contido principal

34. Debullando algúns problemas das fabas

Un idioma preciso

Durante bastante tempo non tivemos claro como debiamos chamarlles en galego á planta que os botánicos denominan Phaseolus vulgaris (vid. imaxes da planta) e que dá eses legumes brancos que nos serven para botarlle ao caldo ou para facer unha fabada.

Algúns dicionarios e vocabularios dicíannos que debiamos empregar faba (o nome máis espallado), pero outros defendían unha opinión diferente e aconsellaban o uso de feixón, argumentando que o nome faba debía reservarse para nomear en galego a Vicia faba (vid. imaxes da planta).

Esta dúbida –que nos permitía imaxinar fabadas feitas sen fabas­– aclarouna o Diccionario da Real Academia Galega na súa edición de 1997, ao considerar que faba, feixón e fabeira son tres nomes aceptables en galego[1] para nomear a Phaseolus vulgaris e as súas sementes.[2]

A pesar diso, séguense atopando traballos nos que se mantén aínda a distinción sinalada no primeiro parágrafo, nalgúns casos en boletíns oficiais ou en documentación producida pola propia Administración, se cadra, pola necesidade de darlle un nome galego á Vicia faba. Pero para facer iso non fai falta recorrer a ningunha segmentación artificiosa, pois a Vicia faba é coñecida entre nós como faba loba, faballón ou fabaca, probablemente polo seu maior tamaño e a súa menor calidade en comparación coa faba.

Pero a lea de nomes e especies non acaba aquí, pois outras fontes (como por exemplo o Diccionario galego-castelán de Franco Grande) vinculan faba loba, non a Vicia faba senón ao xénero dos Lupinus, coñecidos en castelán como altramuces, e dos que no noso contorno se cultivan fundamentalmente tres especies (Lupinus luteusLupinus albus e Lupinus angustifolius). Tampouco neste caso a documentación galega conseguiu fixar unha denominación estable para elas:

  • Pero ademais, noutra documentación oficial atopamos tremoceiro (imitando o portugués tremoço ou tremoceiro) como nome galego para as especies dese xénero.

Evidentemente, parece aconsellable intentar reducir esta diversidade, pois pode dificultar a identificación da especie a que aludimos nos casos en que a forma galega non vaia acompañada do nome científico. Desde o noso punto de vista, débese potenciar o uso das formas tradicionais galegas –pois están documentadas desde hai máis de 100 anos–, sobre todo tendo en conta que altramuz e tremoceiro parecen chegar a nós por mediación do castelán e do portugués respectivamente.[4]

En resumo, podemos empregar indistintamente faba e feixón á hora de referirnos á leguminosa Phaseolus vulgaris; evitando recorrer á primeira como nome galego da Vicia faba, pois ese lugar correspóndelle a faba loba. Finalmente, usaremos chícharo de raposo ou chícharo bravo –ou en todo caso tremoceiro– para designar as leguminosas do xénero Lupinus, engadindo o adxectivo que corresponda cando haxa que nomear as especies máis coñecidas entre nós (Lupinus luteuschícharo de raposo amareloLupinus albuschícharo de raposo brancoLupinus angustifoliuschícharo de raposo azul ou chícharo de raposo de folla estreita).

 

----------------------------------

[1] Unha opinión semellante exprésaa Luís Daviña Facal en dous artigos (páx. 53-56) de Lingua e ciencia. Fundaméntaa no argumento de que o Phaseolus, unha especie que chegou de América e se espallou a partir do século xviii, foi substituíndo a variedade tradicional –a Vicia faba–, á que lle roubou tamén o nome polo que se coñecía (faba), de forma semellante a como o millo importado de América (Zea mays) lle foi roubando á vez o nome e a superficie de cultivo ao Panicum miliaceum, que pasou a denominarse paínzo ou millo miúdo.

[2] A algunhas variedades de Phaseolus consómeselles tamén a vaíña que protexe as sementes cando estas se están formando; estas vaíñas reciben o nome de feixón verde ou cornella (ES: judía verde, EN: green bean).

[3] Aparece, por exemplo, no Diccionario gallego-castellano de Marcial Valladares (1884), no Diccionario galego-castelán de Leandro Carré (1928), no Diccionario enciclopédico gallego-castellano de Eladio Rodríguez González (1958) ou no Diccionario Cumio da lingua galega, por poñer algúns exemplos.

[4] O inglés e o francés denominan lupin e lupine, respectivamente, ás distintas especies deste xénero.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.11.2023.