42. En época consumista, falemos de vendas (automáticas)
Cada vez con máis frecuencia, nunha parte considerable das nosas accións de compra de mercadorías non temos en fronte unha persoa, senón unha máquina.
Pensemos senón en cómo mercamos tabaco, cafés, refrescos. cómo alugamos vídeos e DVD.
Esta forma de distribución polo miúdo, na que se lle ofrece ao consumidor un produto que se adquire nunha máquina pagando o seu importe e accionando calquera tipo de mecanismo, recibe -xa veremos se adecuadamente ou non- o nome de vending. Esta etiqueta é incluso empregada por entidades oficiais, como o Centro Europeo de Empresas e Innovación de Galicia que, dentro dunha colección de "Guías de actividade empresarial", deu ao prelo unha de Empresas de vending.
Como en moitas das "precisións" precedentes, trátase dun termo do inglés (vending ou vending-machine selling) que se exportou canda as máquinas expendedoras con case tanto éxito coma elas. Pero aínda recoñecendo que a súa presenza real na documentación técnica de todas as linguas románicas é moi grande, os dicionarios e os traballos académicos que estudan esas linguas recomendan evitar o anglicismo e optar por formas propias:
- PT: venda automática
Á hora de facer unha recomendación de uso para o galego podemos desaconsellar o uso de *vending, non só baseándose no exemplo das linguas veciñas, senón tamén na tendencia que se detecta na lexicografía galega de evitar os anglicismos acabados en -ing e intentar substituílos por palabras que respecten os padróns fonéticos e morfolóxicos galegos (aconséllase usar dopaxe no canto de *doping, mercadotecnia no canto de *marketing.). Nós mesmos, en precisións anteriores, seguimos esta liña de planificación, e así defendemos o uso de diversas formas propias para substituír o inglés screening, de acoso psicolaboral no canto de mobbing, de captación de recursos en vez de fundraising, de adestramento personalizado no canto de coaching, etc.
Xa que logo, por coherencia con todo o devandito, aconsellamos o emprego de venda automática como designación galega do sector de distribución comercial que en inglés se coñece como vending. |
----------------------------------
[1] De feito, os dicionarios que recollen o termo inglés márcano cunha simboloxía especial, como ocorre aquí.