Ir o contido principal

43. Cando a lei modela a lingua: corredores vs axentes

Un idioma preciso

Hai uns meses titulamos do mesmo xeito unha precisión na que intentabamos explicar que, por veces, as recomendacións que se fan para orientar o uso dun termo determinado poden verse condicionadas por cuestións non lingüísticas que obriga de facto a acoller formas que se consideraban lingüisticamente rexeitables
 

Nese momento exemplificámolo con egresado e con suborno de funcionario, e hoxe presentamos un caso semellante: a parella corredor / axente.
 

No ámbito do comercio, esas dúas denominacións fan referencia a conceptos tan próximos que moitas veces se usan como sinónimos. Talvez por iso, algúns dicionarios e vocabularios galegos -cualitativamente relevantes- aconsellan evitar corredor e empregar unicamente axente, se cadra entendendo a primeira forma como castelanismo. Esta é a recomendación que se fai, por exemplo, no Léxico da administración castelán-galego (publicado pola Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega) ou no Diccionario do seguro (editado pola Dirección Xeral de Política Lingüistica).
 

Pola contra, outros traballos, tanto especializados (Diccionario de termos do seguroManual básico de economía en galego ou Diccionario galego de banca), como xerais (Diccionario Cumio da lingua galegaGran diccionario Xerais da linguae-Estraviz) si establecen distincións entre o corredor (que non se atopa obrigado por contrato con ningunha entidade provedora, senón que é un mediador independente entre dúas partes) e o axente (que está vinculado a unha entidade provedora mediante contrato, e ofrece aos seus clientes só os produtos desa entidade).
 

A partir de aquí poderiamos comezar a debater se é preciso fixar dous conceptos para estas dúas figuras, ou se un único termo podería servir para referirse ás dúas realidades. Pero a esa hipotética discusión vénlle poñer fin a Administración galega ao publicar en 2001 un decreto polo que se regulan as competencias da Comunidade Autónoma en materia de mediación de seguros privados. Nel establécense con detalle as diferencias legais existentes entre a figura do axente de seguros e do corredor de seguros, e isto obriga de facto a recoller na lingua a distinción entre as devantidas figuras, con eses ou con outros nomes.
 

Xa que logo, tendo que distinguir entre as dúas figuras profesionais, parece razoable aconsellar que se manteñan as denominacións corredor e axente cos significados que indicamos máis arriba, tanto porque están avalados polas fontes galegas que viñemos citando, como porque son denominacións paralelas ás elixidas polas linguas do noso contorno (PT: corretor / agente; ES: corredor / agente; EN: broker / agent).

 

 

Actualización do 13/10/2014

Dicionario da Real Academia Galega recomenda o emprego de corretor para o concepto de que viñemos falando aquí. Xa que logo, desde o punto de vista da corrección normativa, os argumentos manexados nos parágrafos anteriores perden todo o seu valor. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.11.2023.