44. Embarazos múltiplos: xemelgos, *mellizos, *trillizos…
Hoxe imos pasear a nosa mirada sobre os termos que se empregan –e os que se deberían empregar– para referirse aos diversos tipos de embarazos en que o útero acolle máis de un embrión.
O máis xenérico de todos eles é xemelgo[1] (PT: gêmeo; ES: gemelo; EN: twin; FR: jumeau; IT: gemello), que designa a ‘calquera dos individuos que naceron nun mesmo parto’ con independencia da forma en que se desenvolveron no interior do útero.
Pero en función do modo en que se formaron e se desenvolveron, distínguense dúas clases de xemelgos:
- Os que proceden dun único óvulo fertilizado (xemelgos monocigóticos, uniovulares ou idénticos), aínda que tamén é frecuente que se aluda a eles simplemente como xemelgos.
En dicionarios galegos podemos tamén atopar outras denominacións, como xemelgos univitelinos (Diccionario de psicoloxía e educación)[2] ou xemelgos monocoriais (Diccionario galego de termos médicos), pero pensamos que o seu uso é menos aconsellable pois é posible que xemelgos monocigóticos acaben posuíndo placenta e corion independente, tal e como se indica aquí ou aquí.
- Os que proceden de óvulos independentes fertilizados por separado (xemelgos dicigóticos, biovulares ou fraternais, ou falsos xemelgos)
As linguas veciñas empregan denominacións moi semellantes, todas elas formadas a partir de cultismos grecolatinos. Así atopamos:
- en portugués, gêmeos monozigóticos, univitelinos ou idénticos fronte a gêmeos dizigóticos ou fraternos.
- en inglés, identical, monovular ou monozygotic twins, fronte a binovular, fraternal ou dizygotic twins.
- en castelán, gemelos monocigóticos (ou monozigóticos), uniovulares ou univitelinos fronte a mellizos,[3] gemelos bicigóticos, biovulares ou bivitelinos.
Como vemos, a única nota discordante en toda esta serie de denominacións pona o castelán, coa forma mellizos, que tamén se documenta en galego, aínda que –tendo en conta a súa orixe castelá– sería aconsellable evitala.
Xa que logo, deberiamos preferir formas como xemelgos fraternais ou falsos xemelgos antes có castelanismo mellizos. |
Pero nos embarazos múltiplos non ten por que haber unicamente dous embrións, senón que se teñen documentado casos nos que o número deles pode chegar a oito ou incluso nove.
Nestes casos, as distintas linguas adoitan seguir un padrón regular á hora de darlles nome: pártese dun substantivo sobre o que se vai engadindo un prefixo que indica a cantidade de fetos presentes no embarazo. Así:
3 fetos |
4 fetos |
5 fetos |
6 fetos |
7 fetos |
8 fetos |
|
Portugués |
||||||
Inglés |
||||||
Castelán |
As formas usadas en galego son –como por desgraza é habitual– as do castelán (*trillizos, *cuatrillizos, *quintillizos[4]…), pero se aconsellamos evitar *mellizos, pola mesma razón deberiamos fuxir de denominacións construídas a imitación súa.
Desde o Servizo Galego de Terminoloxía (Termigal) aconsellan usar trixemelgos para nomear os embarazos nos que conviven tres embrións. Tomando como referencia a estrutura construtiva desta denominación, poderiamos propor para o galego unha secuencia como a seguinte: trixemelgos, cuadrixemelgos, quintixemelgos, sextixemelgos, septixemelgos, octoxemelgos…; aínda que sendo moi conscientes de que se trata dunha proposta neolóxica que hoxe por hoxe non vén apoiada por un uso real, polo que en función do grao de implantación que acadase podería ser revisada a medio prazo. |
----------------------------------
[1] Algúns dicionarios galegos mencionan tamén a existencia doutras denominacións neste idioma, como melgo (Diccionario enciclopédico gallego-castellano de E. Rodríguez e Frampas de Eligio Rivas) ou parizo (Diccionario galego-castelán de L. Carré) pero ningunha delas ten hoxe presenza relevante na lingua viva.
[2] Neste traballo detéctanse tamén incoherencias á hora de apostar por unha grafía para cigoto, e as palabras formadas a partir del: así atopamos entradas como dizigóticos / dicigóticos ou dicigoto / dizigote / dicigote fronte a outras como monocigoto / monocigote. Desde o punto de vista normativo, recoméndase a forma con -c-, aínda que autores como Daviña Facal consideran preferible o uso de zigoto, tanto pola súa maior fidelidade etimolóxica como por ser máis harmónica coas solucións das linguas do contorno.
[3] Esta é a forma máis empregada; as outras teñen unha presencia mínima, e limitada a documentación técnica.
[4]Sorprendentemente, no Diccionario galego de termos médicos recóllense *cuadrillizo (con cuadrúpleto como sinónimo) *quintillizo e *sextillizo, pero non *mellizo nin *trillizo.