Ir o contido principal

5. O nivel xeral e o nivel especializado da comunicación: o exemplo de “musgo"

Un idioma preciso

Un problema bastante frecuente á hora de elaborar textos científicos é que os diccionarios de lingua común ofrecen definicións e sinonimias que poden ser axustadas para usos non especializados, pero que non son aplicables nos niveis técnicos da lingua.

En galego, un caso paradigmático do que dicimos é o tratamento que distintas fontes dan ó concepto que en portugués e castelán se denomina musgo, e que fai referencia a "calquera especie de plantas briófitas integradas no grupo das Briópsidas, caracterizadas por posuír un aparello vexetativo diferenciado en falso talo e falsas follas que non teñen a estructura propia destes órganos nas cormófitas". (Vid. unha explicación máis detallada aquí.)

Desde finais dos anos 80 os traballos lexicográficos galegos desanconsellaban ou uso da denominación musgo, e propuñan no seu lugar alternativas; así, o Vocabulario ortográfico da lingua galega aconsellaba mofo, no Diccionario Xerais Castelán-Galego dábanse como posibilidades brióncarriza e incluso lique. Outras veces, o termo non se desaconsellaba explicitamente, pero simplemente non aparecía recollido no diccionario, como ocorre no Diccionario Xerais da lingua galega, no Diccionario da Real Academia Galega, ou no Diccionario Obradoiro da lingua galega, por citar algúns exemplos.

Esta proposta de uso foise estendendo tamén a diccionario e vocabularios técnicos como o Léxico de xeografía, e tamén a diccionarios moito máis recentes como o Gran Diccionario Xerais da lingua galega, onde brióncarriza ou mofo se ofrecen como alternativas para musgo.

Desde o noso punto de vista, estas alternativas poden ser adecuadas nos niveis non especializados da lingua, pero en ámbitos técnicos e científicos introducen un grao de ambigüidade que cómpre evitar, ben porque provocan confusións con respecto a conceptos que pertencen a outros grupos taxonómicos (mofo ou lique), ben porque intentan reutilizar como nome común do grupo denominacións que só se aplican espontaneamente a algunha das especiese que o forman (carriza).

O intento de empregar mofo despraza o problema cara ó concepto que poderiamos definir como "nome común que designa a diversas especies de fungos ascomicetos, filamentosos, que se desenvolven sobre materia orgánica en descomposición, como por exemplo o de cor branca que se forma sobre o pan ou o productor de penicilina" e que é denominado mofo en portugués, moho en castelán e mould en inglés, por poñer tres exemplos. A ambigüidade que se derivaría de empregar tamén mofo neste caso intenta evitarse en moitas fontes propondo o uso de balor, sen ter en conta que esta denominación designa só o micelio dese tipo de fungos pero non a especie no seu conxunto (vid. exemplos).

De maneira análoga, intentar empregar lique como equivalente do castelán musgo trasladaría o problema á denominación da "asociación simbiótica entre un fungo e unha alga na que se perden as características particulares de cada unha das especies", que recibe actualmente ese nome, como podemos comprobar aquí.

A outra vía intentada para evitar o uso de musgo consistiu en intentar estender o uso de denominacións que na lingua común serven para designar aquelas variedades máis facilmente identificables polos profanos. Esto foi o que ocorreu con carriza, que por exemplo no Diccionario da Real Academia Galega aparece definido como "vexetación de ata uns cinco centímetros de altura, que cobre como unha capa os lugares nos que hai humidade, en particular as pedras e as cascas das árbores".

Este intento de ampliar o alcance conceptual da denominación choca coa posible ambigüidade que provocaría a posibilidade de entendela en sentido xenérico ou restrinxido, se temos en conta que diccionarios especializados galegos como o Diccionario das ciencias da natureza e da saúde definen carriza como "nome que se dá ós musgos corticícolas e a algúns liques, así mesmo corticícolas.

Na nosa opinión, a solución a este confuso panorama ten que basearse na separación clara entre o que é aceptable na lingua común e o que pode selo na lingua especializada. É posible entender que no primeiro dos ámbitos formas como mofolique ou incluso carriza poidan designar convenientemente o concepto que nos ocupa; pero en niveis técnicos, ese uso comportaría unha serie de problemas que anulan a validez das propostas.

Probablemente por eso, o xa citado Diccionario das ciencias da natureza e da saúde, propón as denominacións musgo (avalada polo seu uso en portugués -musgo -, en castelán -musgo -, en inglés -moss -, en francés -mousse - e en alemán -Moos -) ou brión, que define como "cultismo para designar calquera musgo", ambas as dúas apoiadas por unha presencia abondosa na documentación técnica (vid. exemplos para musgo e para brión).

En resumo, cremos que en textos científicos musgo non debe ser considerada como unha forma que cumpra evitar, por estar presente en todas as linguas veciñas. Se pola razón que sexa se prefire empregar unha denominación alternativa, nós recomendariamos recorrer a brión, xa que non crea ningunha das ambigüidades que si aparecen ó intentar empregar as outras formas citadas.

 

[Actualización do 24/05/2012]

A última edición do Dicionario da Real Academia Galega, recoñece musgo como unha forma correcta en galego, pero segue ofrecendo como equivalentes formas como carriza ou mofo que, na nosa opinión cabería desbotar. E pola contra, non recolle brión, aínda que si cita o cultismo briófitas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.11.2023.