Ir o contido principal

52. O planeta quenta ou quece?

Un idioma preciso

Unha das particularidades do galego que lles ofrece dificultades aos falantes de castelán é o uso adecuado dos verbos quentar e quecer e das formas que deles se derivan.

Para nós é doado entender que unha fonte de calor –o lume, por exemplo– “quenta” unha cousa –u n recipiente con auga–, e como consecuencia esta “quece”[1]. Pola contra, en castelán, para estas dúas vertentes do mesmo proceso úsase unicamente o verbo calentar, nun caso con valor transitivo (“el fuego calienta el agua”), ben con valor pronominal (“el agua se calienta”).

Sobre os dous verbos galegos antes citados fórmanse os derivados requentar (‘Volver quentar unha cousa’)e requecer (‘Volver quecer algunha cousa’), que engaden unicamente o matiz de reiteración con respecto ao significado dos verbos base.[2]

Partindo destas premisa, sorprende que no ámbito da ecoloxía se fale do requentamento (globaldo planetada atmosfera…) para referirse ao ‘proceso de aumento da temperatura da terra debido fundamentalmente á acumulación de dióxido de carbono na atmosfera, producido polo home’. Esta sorpresa fundaméntase en dúas razóns:

  1. Se partimos da idea de que requentamento significa, en xeral, a ‘acción de volver quentar algo que xa estivo quente anteriormente’ non parece que ese matiz de reiteración acaia ben coa definición que acabamos de dar no parágrafo anterior.

     

  2. Pero amais, segundo esa mesma definición, parece que o verbo que lle correspondería sería quecer e non quentar, xa que o aspecto significativo é a subida de temperatura que sofre a superficie terrestre, e non o axente ou o conxunto de actividades que provocan esa subida.

A suma de ambas as dúas razóns lévanos a concluír que quecemento (global, do planeta, da atmosfera…), é a forma máis acaída desde o punto de vista lingüístico para designar ese concepto, opinión defendida tamén polos autores do Léxico do medio. Unha razón suplementaria que apoiaría esta elección é o feito de que permite manter a harmonía co portugués (aquecimento global) e co inglés (global warming).

 

Pola contra, formas como quentamento ou requentamento parecen ser traducións literais dos termos do castelán (calentamiento e recalentamiento, respectivamente).

----------------------------------

[1] Tamén temos a posibilidade de expresalo co mesmo verbo quentar en forma pronominal (“a auga quéntase”) .

[2] Un proceso paralelo dáse en castelán, que constrúe os verbos recalentar e recalentarse.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.11.2023.