53. Goteiros
A cuestión que hoxe imos tratar pode interesarlles a profesionais de áreas tan diferentes como a medicina, a xardinaría, a enfermaría ou a agricultura. De feito, non falaremos dun só termo senón de varios, aínda que todos eles compartan unha mesma denominación: a de goteiro (despois discutiremos se nos parece adecuada ou non).
O significado común a todos eses termos é o de ‘dispositivo que permite dosificar gota a gota un fluído’, pero un enxeñeiro ou un xardineiro concretaría máis esa definición dicindo que é “cada un dos elementos dun sistema de irrigación empregados para administrar gota a gota a auga da rega” (vid. ilustración). Pola contra, unha persoa vinculada coas ciencias da saúde describiría un aparello diferente “empregado para administrar as perfusións, que consta dun tubo conectado por un extremo á bolsa na que se atopa o líquido, e polo outro ao punto de entrada da perfusión (case sempre unha vea); no medio del conta cun pequeno dispositivo que permite facer visible a caída gota a gota da perfusión, así como regular a velocidade coa que esta flúe” (vid. ilustración).
Tendo en conta a semellanza na función, as linguas do noso contorno empregan para as dúas realidades denominacións idénticas ou con variantes mínimas:
- En español, úsase gotero, tanto para o termo de agricultura como para o de ciencias da saúde.
- En inglés, emprégase dripper ou drip emitter para o primeiro uso, e drip (ou máis coloquialmente IV) para o segundo.
- En portugués, a forma elixida, tanto para o termo agrícola como o médico é gotejador.
Xa que logo, non nos parece sorprendente que tamén o galego designe os dous conceptos coa mesma palabra; o que si nos chama máis a atención é que tanto o Gran diccionario Xerais da lingua como o Diccionario galego de termos médicos propoñan o emprego de goteiro.
E dicimos que nos chama a atención, porque o sufixo -eiro non ten entre os seus significados principais o de ‘axente dunha acción’, e cando o posúe forma sempre substantivos a partir de verbos (corredeira, abrideira, agarradeira, regadeira…), non partindo doutros substantivos, como en goteiro (creado sobre gota). Para outorgar ese valor de ‘axente dunha acción’ son moito máis produtivos outros sufixos, como -doiro (asucadoiro, batedoiro, rascadoiro…), -dor (coador, abridor, espertador…) ou -nte (absorbente, calmante, disolvente…), entre outros.
Por ese motivo, non nos parece que goteiro sexa unha forma aconsellable en galego –a índa a pesar de figurar recollida en fontes tan difundidas e autorizadas como as que citamos máis arriba–, xa que forza os procedementos habituais de creación de palabras en galego. Na nosa opinión sería preferible crear un substantivo partindo do verbo gotear ou gotexar,[1] e usando algúns dos sufixos máis produtivos (goteadoiro / gotexadoiro, goteador / gotexador, goteante / gotexante…). De entre todas estas, poderiamos priorizar o uso de gotexador, tendo en conta a forma empregada en portugués. |
----------------------------------
[1] Nunha liña máis “enxebrista” poderiamos partir do verbo pingar, o que nos levaría a substantivos como pingadoiro ou pingador.