Ir o contido principal

54. Castelanismos travestidos: a “arpilleira”

Un idioma preciso

Se intentamos determinar cal é o nome que recibe en galego o ‘tecido moi basto, normalmente feito con fibras de cánabo ou xute, que se emprega para facer sacos, para reforzar linóleos, etc.’ (ES: arpillera; PT: serapilheira; EN: burlap; FR: serpillière; CT: xarpellera), atoparemos propostas contraditorias.

Por unha parte, vemos que arpilleira tratábase como unha denominación galega nalgúns dicionarios históricos, como o de Porto Rey (1900), e que esta forma segue tendo un uso frecuente, como se constata no Glosario de voces galegas de hoxe, ou en documentación real. Pero pola contra, no Gran diccionario Xerais da lingua, desaconséllase o uso deste nome, e proponse no seu lugar esteira.

Ningunha das dúas pólas desta disxuntiva nos parece aconsellable:

  • arpilleira parece un castelanismo que se intenta travestir de palabra galega a través do cambio de sufixo.
  • esteira describe un concepto moi próximo, pero non idéntico, como podemos comprobar vendo a definición do DRAG ou do propio Gran Xerais. É parcialmente diferente o material, xa que a “esteira” pode estar formada por palma, canas ou xuncas mentres que a “arpilleira” elabórase con fibras téxtiles de baixa calidade; pero é tamén diferente a función, pois a “esteira” úsase fundamentalmente para protexer o chan, mentres que as utilidades da “arpilleira” son moito máis diversas.

Entón non nos queda máis ca seguir analizando outras posibilidades:

  • No e-Estraviz proponse o emprego da forma portuguesa serapilheira (ou serapilleira, se o grafamos de acordo coa norma da RAG).
  • Tamén sería posible empregar tea de saco, denominación usada nalgúns dos traballos etnográficos de Xaquín Lorenzo ou de Vicente Risco (pódense atopar os textos procurando no TILG), e presente tamén en documentación electrónica actual.
  • Unha terceira alternativa estaría baseada en razóns etimolóxicas: se partimos da base de que arpillera é un catalanismo ou un occitanismo antigo, relacionado co occitano moderno serpilho, e se temos en conta que o galego zarapello[1] ten tamén relación con este termo,[2] cabería a posibilidade de propor un neoloxismo como zarapelleira para nomear o concepto que hoxe nos ocupa.

Tendo en conta que calquera destas tres alternativas conta cun nivel de uso moi reducido en galego, non atopamos argumentos para destacar exclusivamente unha delas como “a boa”. O que si podemos facer é deixar constancia da nosa opinión, e esta sería a seguinte:

Pensamos que *arpilleira é un castelanismo travestido de galego que se debe evitar. Á hora de elixir unha forma alternativa quedariamos con tea de saco –a única documentada en usos vivos–, pero recolleriamos zarapelleira como un posible sinónimo, asentado en raíces galegas e conectado formalmente co portugués e as linguas do contorno.

 

----------------------------------

[1] Esta palabra recóllese nos dicionarios de Valladares (1884), Filgueira (1926), Carré (1928-31), así como no Gran dicionario Xerais da lingua, sempre co significado de “anaco de roupa ou de tea vellas”.

[2] Toda esta argumentación etimolóxica –excepto a proposta do neoloxismo– recóllese doDiccionario crítico etimológico castellano e hispánico de Corominas e Pascual.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.11.2023.