55. Con saudades do verán: grellas e barbacoas
Neste verán que está rematando, as grelladas ao ar libre convertéronse nunha práctica furtiva grazas ás medidas de prevención de incendios adoptadas polas autoridades estatais e autonómicas. Centos de barbacoas por Galiza adiante foron clausuradas, muradas ou desmontadas, e por causa deste protagonismo imos centrar nela esta precisión.
En galego, unha grella (PT: grelha; ES: parrilla; EN: grill) é un “obxecto formado por unha serie de barras de ferro paralelas nas que se pon carne ou peixe para asar sobre as brasas”. Esta denominación é a que se propón no Diccionario Xerais castelán-galego e no Gran diccionario Xerais da lingua para evitar o uso de barbacoa, forma cuxo uso se desaconsella, supoñemos que por consideralo un castelanismo.
Na nosa opinión, esta proposta presenta problemas. Se unha barbacoa (PT: barbecue; ES: barbacoa; EN: barbecue) se pode describir como un “obxecto de cociña, que pode ser fixo ou portátil e que consta como mínimo dun lar sobre o que se fan as brasas e dunha grella, que se emprega para asar alimentos, normalmente ao ar libre” parece que usar grella para referirse ao obxecto completo e a unha das partes que o compoñen, pode provocar confusións.1
Xa que logo, parécenos preferible manter barbacoa como denominación deste segundo concepto.2 O feito de que se trate dun castelanismo –en realidade, dun americanismo procedente do taíno– non nos parece razón abonda para proscribilo, cando todas as linguas do noso contorno o adoptaron sen problema ningún, quer directamente do castelán, quer a través da adaptación gráfica que realizou o inglés.
O que xa non nos parece xustificable é o emprego de barbacoa para referirse ao “ conxunto de alimentos que nela se preparan” (en exemplos como ‘Imos facer unha barbacoa á praia’). E non nolo parece porque o galego grellada designa a mesma realidade.
En resumo:
|
----------------------------------
[1] Mirado desde un punto de vista comercial os problemas aumentarían porque grellas e barbacoas son obxectos totalmente diferentes en canto a prezos, características, etc. Por iso sería preciso que fosen identificados por denominacións tamén distintas.
[2] Esta mesma decisión é a que adoptou o autor da Guía da alimentación, (Xunta de Galicia, 1995). Outro camiño posible para darlles dous nomes distintos a ambos os conceptos é a que se propón no Dicionario visual da construción, no que se se propón o uso de grella ou asador para o que nós propomos chamar barbacoa.