Ir o contido principal

56. Taboíñas, libras e tabletas

Un idioma preciso

Xa levamos dedicadas algunhas precisións a comentar casos nos que os dicionarios de lingua ofrecen propostas de uso que poden ser aceptables na lingua común, pero que non son acaídas para contextos especializados. Vímolo cando falamos dos musgos ou de desbrozar, e agora volvemos atopar unha situación semellante falando das tabletas.

Esta denominación é tratada por algúns dicionarios (o Xerais galego-castelán e castelán-galego e o Gran Xerais, por poñer dous exemplos) como unha forma que se debe evitar -supoñemos que por que a consideran un castelanismo- e propoñen para iso tres alternativas en función dos diferentes conceptos a que pode aludir:

  1. taboíña, para referirse a unha 'táboa pequena'

     

  2. libra, para referirse a 'peza de chocolate ou turrón que se comercializa como unha unidade independente'.[1]

     

  3. pastilla (tamén comprimido e pílula no Gran Xerais) cando designa unha das formas en que se pode presentar un medicamento para facilitar a súa administración.

Pola contra, o Diccionario galego de termos médicos, si considera que tableta é unha denominación adecuada en galego para designar un 'preparado farmacéutico sólido que se obtén por compresión dunha substancia medicinal pulverizada ou granulada, pura ou mesturada cun excipiente'. Segundo esa mesma fonte, formas como comprimidopastilla ou trocisco fan referencia ao mesmo concepto.[2]

Esta postura menos purista parece razoable, xa que, con este significado, tableta é un galicismo (tablette) que se emprega en castelán (tableta), en inglés (tablet) e en portugués -polo menos no Brasil- (tablete).

É ben máis discutible a opción de tratar nun dicionario técnico as formas comprimidotableta e pastilla como se fosen sinónimas[3], xa que se trata de formas farmacéuticas distintas, así recoñecidas no sistema sanitario español, como podemos ver neste documento do Insalud (vid. en concreto as páx. 58 e 59).

  • comprimido é unha forma farmacéutica sólida de administración oral que se obtén por compresións de porcións sensiblemente iguais en peso de substancias activas medicamentosas en po ou granuladas, puras ou co engadido de excipientes inertes.

  • tableta é unha forma farmacéutica sólida de administración oral, de forma cilíndrica ou prismática, de fractura granulos e aproximadamente 1 g de peso que se obtén por conglutinación en frío.

  • pastilla é unha forma farmacéutica sólida de administración oral, actualmente en desuso, de forma variada e fractura lisa, que se obtén por conglutinación en quente.

En resumo, cremos que tableta debe considerarse unha denominación aceptable en galego só para referirse a un tipo de forma farmacéutica (non para substituír a taboíña nin a libra). Amais, comprimido e pastilla poden funcionar como sinónimos dela só en contextos non especializados, posto que en ámbitos técnicos eses tres nomes designan formas farmacéuticas distintas.

 

----------------------------------

[1] Na súa orixe este nome aplicábaselle a unha medida de peso equivalente aproximadamente a medio quilo. De aí pasou a referirse ás unidades de comercialización de determinados produtos que tiñan ese peso, e finalmente, o nome estendeuse á unidade en si mesma, independentemente do seu peso (castelánportugués).

[2] Aínda que -curiosamente- en cada unha desas entradas tableta non se cita como sinónimo.

[3] Outra cousa sería indicar que na linguaxe cotiá esas tres denominacións alternan indistintamente para referirse a calquera tipo de forma farmacéutica sólida.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.11.2023.