Ir o contido principal

59. Volvemos á medicación: as *graxeas

Un idioma preciso

Tócanos falar outra vez de formas farmacéuticas, un tema ao que xa dedicamos a Precisión 56.

En concreto gustaríanos reflexionar sobre o nome máis acaído para designar en galego a 'preparación farmacéutica na que o principio activo, despois de ser comprimido, é recuberto cunha capa de sacarosa para darlle un sabor agradable'.

A forma máis espallada na documentación real é *graxea, a pesar de que todos os dicionarios que analizan este concepto son unánimes á hora de desaconsellala, ao tratarse dun castelanismo. En efecto, esta é unha simple adaptación gráfica do castelán gragea, que vén sendo, pola súa parte, un préstamo deformado[1] do francés dragée. As outras linguas do noso contorno recorren tamén a galicismos, pero moito máis fieis ao orixinal: dragee en inglés[2], e drageia [no portugués europeo] ou drágea [no portugués do Brasil].

O acordo existente entre os dicionarios e vocabularios galegos á hora de destacar a inconveniencia de usar *graxea desaparece cando se trata de propor unha denominación alternativa[3]:

  • No "Vocabulario médico" incluído dentro do Vocabulario do medio físico, recóllense como equivalentes galegos [páx. 162] confeito e pílula azucrada. Pero, se temos en conta que confeito descríbese nos dicionarios de lingua como un termo da área da gastronomía, a denominación máis axeitada parece ser a segunda.
  • No Gran diccionario Xerais da lingua, a denominación proposta é pastilla. Pero a definición que se dá nesta entrada ('porción pequena de pasta medicinal que se administra por vía oral; comprimido') non describe o concepto do que estamos a tratar, senón un moito máis xenérico.
  • No Wikcionario aconséllase recorrer a comprimido, o que nos enfronta a unha situación semellante á anterior, na que o suposto equivalente designa unha realidade máis xenérica cá que buscamos.

Xa que logo, de limitármonos ás propostas dos dicionarios, cremos que pílula azucrada é a única que podería ser recomendada. Pero se estendemos a nosa busca a outro tipo de fontes documentais, atopamos textos legais galegos nos que se bota man da forma draxea. Esta denominación parécenos a máis acaída porque evita calquera posibilidade de confusión con outras formas farmacéuticas, evita o castelanismo gráfico e é harmónica coas solucións empregadas polas linguas do noso contorno, en especial o portugués.

A nosa recomendación sería, pois, empregar draxea para designar a 'preparación farmacéutica na que o principio activo, despois de ser comprimido, é recuberto cunha capa de sacarosa para darlle un sabor agradable'.

 

----------------------------------

[1] O mecanismo que explica esta deformación indícase na entrada "equivalencia" deste Diccionario de términos filológicos.

[2] Nesta lingua tamén se emprega sugar-coated tablet ou sugar-coated pill.

[3] Tamén nos resulta sorprendente que dicionarios especializados nesta área das ciencias da saúde -como o Diccionario galego de termos médicos- non se pronuncien en absoluto sobre esta cuestión, evitando recoller o concepto entre as entradas que estudan e describen.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.11.2023.