6. O galego, un idioma sen "estrés"
Dentro do ámbito da medicina a palabra stress comezou a empregarse nos países de fala inglesa durante a década de 1930 para designar unha serie de cambios que un axente externo provoca sobre o equilibrio previo existente no organismo e que o obrigan a readaptarse para poder reaccionar fronte a el. (Vid. esta páxina ou estoutra para unha explicación máis detallada.).
Nembargantes, non foi ata finais do século XX que acaba de rematar que o termo se fixo popular entre a poboación sen coñecementos médicos. A modo de exemplo, unha busca no Corpus de referencia do galego actual amósanos como as primeiras mencións do termo datan de comezos dos 80 (coa forma stress) e de mediados dos 90 (coa forma estrés ).
O termo inglés formouse reaproveitando unha palabra xa existente nesa lingua e que remite ó mesmo significado có galego tensión ; pero a súa entrada nos idiomas veciños foi tan rápida e intensa que estes optaron por aceptar a forma inglesa en lugar de intentar poñer en práctica un proceso de denominación paralelo e atribuírlle un novo significado a formas como "tensão" (portugués), "tensión" (español), "tensión" (francés) ou "tensione" (italiano), por poñer algúns exemplos. Por ese motivo, ese conxunto de manifestacións psicosomáticas reciben o nome de estresse ou stress en portugués,[1] estrés ou stress en español, stress en francés, stress en italiano, e estrès en catalán.
Por todo o que acabamos de dicir sorprende que un bo número de diccionarios e vocabularios técnicos galegos desaconsellen o emprego da palabra inglesa, tanto na súa forma orixinal stress ) como adaptada graficamente ó galego (estrés), e que propoñan tensión como denominación para ese concepto. Algúns como o Vocabulario ortográfico da lingua galega ou o Gran diccionario Xerais da lingua manteñen esa posición de forma explícita, mentres que outros como o Diccionario Cumio da lingua galega, ou o Diccionario da Real Academia Galega apoian un tratamento semellante de forma máis indirecta: non fan ningunha referencia ás denominacións inglesas e recollen debaixo da entrada tensión o significado correspondente ó concepto que nos ocupa:
tensión (...) 6. Situación anímica de excitación, esforzo ou exaltación a causa de determinadas circunstancias ou actividades, como son a espera, a creatividade, ou por causa dunha emoción forte. (Diccionario Cumio da lingua galega.
tensión (...) 4. Estado de angustia, nervios, etc. do que está esperando algo ou nunha situación que o propicia. (Diccionario da Real Academia Galega.
Nesta mesma liña, é especialmente significativo o caso do Diccionario galego de termos médicos, publicado pola Xunta de Galicia no pasado 2002, que non recolle stress nin estrés como entradas, pero tampouco inclúe dentro de tensión, ningunha acepción que describa o tipo de reaccións físicas de que vimos falando.
En sentido oposto a todos estes traballos, outros diccionarios e vocabularios optaron por propor a inclusión do anglicismo (adaptado na forma estrés). O máis antigo de todos eles é o Vocabulario do medio físico (Santiago, Xunta de Galicia, 1988), pero tamén podemos ver a mesma posición no Diccionario de dúbidas da lingua galega (Vigo, Galaxia, 1991) [2] ou no Léxico de métodos de investigación e diagnóstico en educación (Santiago, Universidade de Santiago, 2002).
Desde o noso punto de vista, a resistencia purista a aceptar a forma inglesa é hoxe unha batalla perdida, como o demostra a frecuencia con que estrés ou stress aparecen en páxinas web escritas en galego, presencia que se ve incrementada polo feito de que as linguas do noso contorno asumisen de facto o anglicismo. Por outra parte, este préstamo pode adaptarse sen maiores problemas á estructura do galego, de modo análogo a como se fixo con estándar (inglés, standard ) ou escáner (inglés, scanner) por poñer dous exemplos. Pero é que ademais, se non o aceptamos e empregamos tensión, corremos o perigo de afectar a precisión que se require na comunicación científica, xa que con este nome desígnase tamén a ‘presión que o sangue exerce sobre as paredes arteriais dun animal ou dunha persoa’, o que nos enfrontaría a enunciados ambiguos como por exemplo "Sufriu un desmaio por causa da tensión e tivo que ser hospitalizado."
En resumo, non parece que haxa razóns suficientes para desaconsellar o uso de estrés dentro da área da medicina, unha forma tan integrada na fala que ata desenvolveu formas derivadas (estresar, estresante...), que encaixa perfectamente dentro das pautas fónicas e ortográficas do galego, que é empregada por todas as linguas do noso contorno e que evita a ambigüidade que se podería producir se empregasemos tensión para denominar este concepto. |
----------------------------------
[1] A primeira denominación é a máis frecuente no Brasil mentres que a segunda predomina en Portugal
[2] Neste traballo déixase ó xuízo do lector a decisión de evitar a palabra inglesa, empregando tensión, nerviosismo ou fatiga, ou recorrer a ela na forma adaptada (stress).