Ir o contido principal

60. Do mobbing acoso psicolaboral ao bullying acoso escolar

Un idioma preciso

En bastantes das sesenta precisións que levamos compartidas analizamos a conveniencia de aceptar ou substituír determinados anglicismos rematados en -ing (screeningfundraisingcoachingvending.).

Hoxe imos escribir sobre un -o bullying- que nos ha permitir amais establecer paralelos con outro deses casos conflitivos xa estudados: o mobbing.

En inglés, coñecen como bullying un tipo de acoso físico e emocional que unha persoa realiza sobre outra, aínda que o uso real da palabra parece especializarse na designación do acoso que nenos ou adolescentes realizan sobre outros.

O anglicismo chegou ao galego xa con ese valor máis especializado, pois alude á 'acción pola que un neno ou un adolescente somete a outro a un maltratamento físico ou psicolóxico sistemático e continuado, que pode consistir en agresións físicas, escritas ou verbais, en ataques contra cousas da súa propiedade, extorsións económicas, etc, todo o cal provoca frecuentemente en quen o sofre problemas físicos ou psicolóxicos.'

Como ese tipo de maltratamento ten no contorno escolar un dos seus escenarios principais, na documentación en galego vénse empregando acoso escolar[1] ou violencia escolar como denominacións alternativas á do inglés.

Propostas paralelas a estas podemos atopalas na maioría das linguas do noso contorno, como en castelán (acoso escolar), francés (harcèlement à l'école ou intimidation à l'école) ou catalán (assetjament escolar).[2] Pola contra, o italiano opta por adaptar graficamente o termo inglés como bullismo, e o portugués limítase a importalo sen modificacións (bullying).[3]

Situados na disxuntiva de recomendar o uso da forma inglesa ou propor a súa substitución por algunha das dúas denominacións galegas que indicamos máis arriba, apoiariamos claramente a segunda alternativa. Pero somos tamén conscientes de que formas como acoso escolar ou violencia escolar restrinxen dalgunha forma o alcance do concepto pois, como dixemos máis arriba, o maltratamento pode producirse nos contornos máis diversos, e non necesariamente na escola.

Unha alternativa que evitaría esta restrición sería propor un neoloxismo galego para designar ese concepto. Unha posibilidade viable na teoría sería reaproveitar o substantivo galego abusón[4] para, partindo del, construír un termo como abusonismo. Unha forma coma esta recollería os elementos esenciais do concepto (o maltrato tanto físico como psicolóxico e o feito de que son nenos ou adolescentes os seus actores) e non se restrinxe ao ámbito escolar.

Despois de todo o devandito, cremos que:

  • En galego debe evitarse o uso da forma inglesa bullying
  • A proposta de abusonismo non é máis ca unha botella tirada ao mar por se algún dos seus potenciais usuarios quere recollela. No seu estado actual -sen presenza ningunha na lingua viva- non podemos presentala como a alternativa recomendada

 

----------------------------------

[1] Esta forma, que é a máis frecuente, elabórase tomando como modelo outras como acoso sexual ou acoso psicolaboral / acoso no traballo (en inglés coñecido como mobbing) coas que se alude a presións psicolóxicas afíns.

[2] En todas estas linguas a forma inglesa tamén se usa con moita frecuencia, aínda que desde distintos foros se recomende evitala.

[3] No caso desta lingua, as alternativas que se propoñen para substituír o anglicismo, como intimidação teñen un uso mínimo, xa que os especialistas consideran que non describen ben o concepto.

[4] Aínda que nos dicionarios non se explicita que este substantivo fai referencia preferentemente a nenos ou mozos, o seu uso real é ese.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.11.2023.