Ir o contido principal

63. (Re)flexionando (sobre) os cuadríceps

Un idioma preciso

Como comeza o ano e case todo o mundo colocou entre os seus plans para 2006 facer máis exercicio, qué mellor ocasión ca esta para botarlle un ollo a algún dos nosos músculos?

En concreto, queriamos centrarnos no ‘músculo situado na rexión anterior da coxa constituído por catro porcións: recto anterior ou femoral, vasto interno, vasto externo e vasto intermedio, distintas na súa orixe e reunidas na parte inferior nun tendón único inserido na base e nos bordos da rótula e na tuberosidade anterior da tibia’. Seguro que todo queda moito máis claro ao indicar que nos referimos ao cuadríceps.

Pero seguro tamén que esa forma co -í- tónico –documentada no Vocabulario ortográfico da lingua galega– sorprende a moitos, especialmente se comprobamos que no Diccionario galego de termos médicos só se recolle a forma *cuádriceps que, como explicaremos a continuación, é mellor evitar.

A razón que xustifica que apostemos por cuadríceps é a defensa do mantemento da regularidade na formación de compostos cultos. En galego, cando cuadri- entra a formar parte dun destes como primeiro elemento case nunca conserva a tonicidade principal do conxunto (cuadriláterocuadrieniocuadrimestrecuadrimembrecuadrinomio...); nos poucos casos en que si a posúe, a vogal tónica é o -i- (cuadrífidocuadríscele, cuadríceps…) pero nunca o -a-.

Esta mesma regularidade podemos atopala tamén en portugués (cuadríceps), mentres que o castelán (cuádriceps)[1] e o inglés (quadriceps) converten o –a- na vogal tónica da palabra.

Pero amais, o uso da forma co -i- tónico regulariza o esquema acentual doutras series nas que o termo con cuadri- ocupa o seu lugar canda outros prefixos latinos ou gregos que indican números, como por exemplo:

  • a que en bioloxía cualifica algunha estrutura en función do número de partes en que aparece gallada: bífidatrífidacuadrífida
  • a que en arqueoloxía clasifica en función do seu número de aspas un motivo decorativo formado por unha serie de aspas curvadas radiais inscritas nunha circunferencia: tríscelecuadríscele

Nun dos parágrafos anteriores usamos como exemplo a forma uníceps (‘referido ao músculo que ten unha soa orixe ou unha soa cabeza’). Fixemos iso –a pesar de que o Diccionario galego de termos médicos aconselle o uso de *úniceps– manexando os mesmos argumentos que xustifican o emprego de cuadríceps. Nos poucos casos en que este elemento é tónico cando forma parte de compostos cultos (uníparounísonounívoco…) a tonicidade recae sobre o -i- e non sobre o -u-.

En resumo, en galego os nomes dos músculos que teñen –ceps como segundo elemento formativo son graves (unícepsbícepstrícepscuadríceps) e non esdrúxulos (*úniceps, *cuádriceps).

 

----------------------------------

[1] En castelán a forma cuadríceps é minoritaria, pero non insólita, como podemos ver con estas mostras documentais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.11.2023.