Ir o contido principal

64. Próteses dentarias e fonéticas

Un idioma preciso

Nunha rolda sobre terminoloxía galega que xestiona o Consello da Cultura Galega discutíase hai uns días sobre cál debía ser a forma máis adecuada en galego para o adxectivo derivado de prótese.

Este substantivo –para o que tamén se recolle unha variante próstese– emprégase fundamentalmente para designar dous conceptos técnicos:[1]

  • Na área de ciencias da saúde refírese a ‘calquera peza auto, homo, hetero ou aloplástica, así como calquera aparato usado como substituto dun órgano ou parte del’.
  • No ámbito da fonética alude ao ‘proceso de adición dun son non etimolóxico ao comezo da palabra’.

Á hora de determinar o adxectivo correspondente é posible atopar traballos galegos nos que se propón protésico (como o Diccionario galego de termos médicos), case sempre en relación co concepto de ciencias da saúde, e outros nos que se propón protético –ou prostético– (como o Gran dicionario Cumio da lingua galega, ou o Vocabulario ortográfico da lingua galega). Desde o noso punto de vista, a forma elixida debería ser esta última, xa que:

  • Cando en galego se forman adxectivos a partir de compostos cultos nos que -tese é o segundo elemento, a forma resultante é sempre -tético, como podemos ver coas parellas antítese > antitéticodiátese > diatéticoepéntese > epentéticohipótese > hipotéticoparéntese > parentéticosíntese > sintético...
  • As linguas do noso contorno recorren maioritariamente a unha forma paralela ao noso protético (PT: protético; EN: prosthetic; FR: prothétique; CT: protètic).

Todo o que dixemos ata o de agora debe aplicarse unicamente aos usos de protético como adxectivo, é dicir a exemplos como “…o protocolo cirúrxico-protético…” ou “…a aparición dun -e- protético…”. O que xa non parece tan evidente é que ese adxectivo deba adquirir un valor de substantivo para designar ao ‘profesional que fai próteses’, tal e como ocorre en castelán (protésico). E non o parece porque esa escolla marca un camiño oposto ao seguido polo portugués (protesista), o inglés (prosthetist), o francés (prothésiste) ou o italiano (protesista).

Tendo en conta o anterior, parece razoable buscar a harmonización con esas solucións e potenciar en galego o uso de protesista para designar ese profesional. Neste caso, o mantemento do -s- de prótese non debe provocarnos dúbida ninguna, pois tamén se detecta en casos paralelos como bolsa > bolsistaclase > clasistacongreso > congresistaprogreso > progresistaprosa > prosista

 

Como conclusión de todo o sinalado, desde o noso punto de vista deberíase evitar o emprego de *protésico como adxectivo derivado de prótese, recorrendo no seu lugar a protético. Para designar o profesional que realiza as próteses, a palabra máis adecuada parécenos protesista, aínda que tamén cabería empregar protético, xa que non está desaconsellada explicitamente en ningunha fonte autorizada.

 

----------------------------------

[1] Nun nivel moito máis especializado, unha prótese pode ser tamén a ‘ábsida lateral das basílicas cristianas primitivas, destinado a oficiar nela a primeira parte da misa’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.11.2023.