Ir o contido principal

66. Ponencias que elaboran relatorios

Un idioma preciso

Por veces, a actualidade ponnos en bandexa os temas con que acudir á nosa cita periódica con Canalciencia; esta semana é unha delas, por mor dun problema lingüístico que acaba de traer ao primeiro plano a futura reforma do Estatuto de Galicia.

Este asunto leva semanas –e as que quedan!– sendo unha das estrelas do debate mediático no noso país, e unha das primeiras polémicas está xirando arredor de cal debe ser o órgano en que se desenvolvan as discusións preliminares. Responsables dos principais partidos polemizaban hai poucos días na prensa, apostando uns por unha comisión e outros por algo ao que a noticia que lemos denominaba unhas veces relatorio e outras ponencia. Ese “algo” é un órgano propio dos sistemas parlamentarios do Estado español, formado por un ‘grupo reducido de parlamentarios que se constitúe dentro dunha comisión para desenvolver un traballo de análise e debate antes de que os temas ou os proxectos lexislativos sexan recibidos e estudados por esta’.[1]

Como nun ámbito tan especializado coma este deberiamos evitar –en principio– a proliferación de sinonimias que poden levar a interpretacións imprecisas, parece razoable que intentemos elixir unha das formas como preferente e priorizar o seu uso.[2]

As razóns que avalarían a escolla de relatorio parecen evidentes: tendo en conta que é a palabra que nos dicionarios e vocabularios académicos se elixe para designar a ‘exposición oral detallada e minuciosa sobre un tema que se somete a exame’ (ES: ponencia), por que non aplicar esa equivalencia ao concepto que nos ocupa?

Para xustificar o emprego de ponencia cómpre salientar que a terminoloxía xurídica é un ámbito especial no que unha denominación inadecuada desde o punto de vista lingüístico pode asentarse definitivamente nun idioma ao ser recollida e definida nun texto lexislativo. Amais, ao vincularse os conceptos xurídicos ao sistema legal dun estado concreto é difícil que unha denominación doutra lingua poida describilos con propiedade.

Por iso, vai ser un argumento clave para a decisión comprobar que no Regulamento do Parlamento de Galicia, se opta por ponencia para designar esa estrutura organizativa (vid. os artigos 52, 113, 126…). Se nun texto legal coma ese, o Parlamento elixiu esa denominación para referirse a un dos seus órganos derivados, como xustificar a defensa dunha forma diferente?[3]

En coherencia co anterior, no Boletín Oficial do Parlamento e nas versións galegas dos BOE atopamos frecuentes documentacións de ponencia, referidas tanto ao órgano propio do Parlamento galego como ao do español. Igualmente, na compilación termos xurídicos do proxecto Comforma indícase claramente que a denominación castelá ponencia designa dous conceptos, un dos cales se coñece en galego como relatorio (a ‘exposición oral detallada e minuciosa’) e outro como ponencia (o órgano parlamentario).

Logo do visto, cremos que cómpre aconsellar o emprego de ponencia para referirse ao órgano parlamentario, tanto pola súa presenza na documentación técnica como por ser a denominación elixida polo propio Parlamento galego. Pero debemos seguir substituíndoo por relatorio, ao falar da ‘exposición oral detallada e minuciosa sobre un tema que se somete a exame’, tal e como nos aconsellan os dicionarios e vocabularios académicos.

 

----------------------------------

[1] Ten semellanzas coa subcomisión, xa que ambas se constitúen dentro das comisións, pero ao revés ca ela, desenvolve os seus traballos a porta pechada e non ten por que reproducir de forma proporcional a representación que posúe cada forza política na comisión correspondente (aínda que esta queda garantida a través da ponderación do voto).

[2] Desta vez, as solucións adoptadas polas linguas veciñas non nos van servir de axuda significativa, posto que se o órgano non existe nos seus sistemas parlamentarios non van precisar un nome para designalo. Só o catalán, que opta polo emprego de ponència, se atopa nunha situación semellante.

[3] En determinados contextos, o emprego de relatorio podería ser incluso conflitivo desde o punto de vista xurídico, xa que –coa lexislación na man– e ese órgano non existe na lexislación que regula o Parlamento de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.11.2023.