Ir o contido principal

68. Os problemas do “aluguer” (…e non é polos prezos!!)

Un idioma preciso

Seica foi Henrique IV o que dixo (ou ao mellor foi Shakespeare quen llo puxo na boca) aquela frase de “Líbrame, Señor, dos meus amigos, que dos meus inimigos xa me ocuparei eu”. Toda esta grandilocuencia veume á cabeza mentres me perdía no nobelo que enlean as últimas obras publicadas pola nosa bendita Academia, intentando fixar os nomes galegos para unha serie de conceptos relacionados coa idea de ‘ceder ou tomar unha cousa por diñeiro durante un tempo determinado’, e especialmente coa familia léxica derivada de alugar.

 

Todo comezou cando unha lectora habitual destas precisións nos suxeriu que lle désemos unha volta ás opinións dos dicionarios galegos sobre aluguer, e nos dirixiu ao sitio web que sobre a“Bolsa de vivenda en alugueiro” [sic] acaba de difundir a Xunta de Galicia. Efectivamente, tomando como referencia o dicionario académico, o emprego de alugueiro nese contexto era inadecuado, pero ao buscar noutras fontes cal sería a alternativa recomendable perdemos definitivamente o fío do nobelo.

 

Intento explicarme: o dicionario que acabamos de citar (publicado en 1997), aconsellaba alugueralugamentoarrendamento ou arrendo, aínda que despois as definicións entre todos estes sinónimos non fosen coincidentes ou o círculo de remisións non estivese completo, como é por desgraza habitual nos dicionarios galegos. Con esta proposta contradicíase o Léxico da administración castelán-galego (RAG-ILG, 1991), en que se recomendaba alugueiro e alugamento[1] como equivalentes galegos para alquiler. En 2004 o VOLGa parece recoller o fío deste último traballo e abandonar a proposta do DRAG, xa que aluguer non é nin incluído nin rexeitado explicitamente, aínda que si aparece alugueiro e alugamento

 

Se consultamos o Dicionario castelán-galego da RAG (2005) para intentar aclarar as dúbidas, mellor fora estarse quietos. Na entrada alquiler inclúense dúas acepcións: na primeira (‘acción de alquilar’) dáse como equivalente alugamento, e na segunda (‘precio’) proponse usar en galego alugamento ou renda. As cousas parecen comezar a aclararse, e intuímos que a RAG non propón aluguer como denominación galega, ata que imos confirmar esa intuición na entrada renta. Alí atopamos que, como acepción 3 (‘por un alquiler’) preséntanse como equivalentes galegos renda e… aluguer.

 

Como a estas alturas parece evidente que non van ser os dicionarios académicos os que nos saquen do enguedello, intentaremos sistematizar unha proposta que respecte as prescricións normativas alí onde non se contradigan, e que trace liñas propias onde non quede outro remedio. Velaquí a deixamos para que se abra o debate:

  • arrendatariolocatario ou alugueiro[2]
    “Persoa que toma o ben ou servizo”. (PT: locatárioarrendatárioalugatário. ES: alquiladorarrendatariolocatario. EN: leseetenant). Cando a propiedade que aluga é unha vivenda, recórrese con frecuencia a inquilino  (PT: inquilino. ES: inquilino. EN: tenant). 
    Algúns dicionarios converten alugueiro en designación da ‘acción de alugar’ e da ‘cantidade que se paga por alugar’, pero o feito de que o VOLGa a marque gramaticalmente só como "substantivo" é un índice de que a entende como forma capaz de variar en número (alugueiro-alugueira), o que se contradí coa adxudicacións anteriores, propias dun substantivo masculino. Por outra parte, usala para denominar tanto a quen cede o ben para alugar como a quen o recibe pode provocar ambigüidades no uso real.
    Por todo isto, para nós é preferible especializala co valor que aquí indicamos, de tal forma que a parella alugador-alugueiro permita distinguir as dúas persoas que participan na relación.

 

[Actualización do 24/05/2012]

A última edición do Dicionario da Real Academia Galega, volve sobre este conxunto de conceptos, para os que fai as seguintes recomendacións:

  • arrendar ou alugar para "Ceder ou tomar en arrendamento ou arrendo".
     
  • alugamento,  alugueiroarrendamentoarrendo ou locación para "Acción e efecto de alugar."
     
  • arrendamentoalugamentoarrendo ou locación para o "Contrato por medio do cal unha persoa cede a outra, por un prezo e tempo determinados, o uso de calquera propiedade."
     
  • renda ou alugueiro para a "Cantidade que se paga periodicamente polo arrendamento de algo."
     
  • alugueiroarrendatarioinquilinolocatario ou rendeiro para a "Persoa que toma unha cousa en alugamento."
     
  • alugadoralugueiroarrendadorlocador ou rendeiro para a "[Persoa, entidade] que cede unha propiedade en réxime de arrendamento."

As principais diferenzas coa nosa proposta son as seguintes:

  1. Deixa de considerarse aluguer como unha designación adecuada en galego.
     
  2. Alugueiro trátase como unha forma adecuada para catro dos seis conceptos aquí implicados (a acción de alugar, a cantidade que se paga, a persoa que paga, e a persoa que que recibe o pagamento).
     
  3. Partindo de locación admítense como correctas as formas locador e locatario para quen cede e toma, respectivamente, algo en alugamento.
     
  4. Partindo de renda admítese como correcto o uso de rendeiro para quen cede ou toma algo en alugamento.

 

----------------------------------

[1] Esta proposta é, con matices, a que se defende tamén nos dicionarios de Edicións Xerais (Gran diccionario Xerais da lingua ou Dicionario Xerais da lingua), pois o concepto de ‘acción e efecto de alugar’ asígnaselle a alugamento e alugueiro e o de ‘cantidade que se paga por alugar’ a alugamentoalugueiroarrendamentoarrendo e renda.

[2] Como vimos, algúns dicionarios convértena en designación da ‘acción de alugar’ e da ‘cantidade que se paga por alugar’, pero o feito de que o VOLGa a marque gramaticalmente só como “substantivo” é un índice de que a entende como forma capaz de variar en número (alugueiro-alugueira). Por outra parte, aplicala tanto a quen cede o ben para alugar como a quen o recibe pode provocar ambigüidades no uso real. Por todo isto, para nós é preferible especializala co valor que aquí indicamos, de tal forma que a parella alugador-alugueiro permita distinguir as dúas persoas que participan na relación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.11.2023.