Ir o contido principal

73. Cascas, codias e cortizas

Un idioma preciso

Na linguaxe técnica galega aplícanse con demasiada frecuencia razoamentos analóxicos segundo os cales, se un concepto X se coñece en castelán cunha forma A (como cuarzoou plomo, por poñer dous exemplos) e en galego cunha forma B (seixo ou chumbo), estas equivalencias deberían manterse cando eses mesmos nomes casteláns designan outros conceptos distintos. E non pode nin debe ser así.

Imos centrarnos nestas liñas nas analoxías que se fan partindo da equivalencia existente entre cortezacodia como denominacións da 'parte exterior dura que se forma en certos alimentos, como o queixo ou o pan, ou nalgúns tipos de froita, como a laranxa ou o limón'.

Un primeiro exemplo deste proceso de analoxías observámolo cando a codia se lle outorga en galego o valor de 'capa exterior que recobre o tronco e as pólas das árbores'. En realidade a forma máis común de referirse a ese concepto é casca, e en menor medida, tona. Un proceso semellante (neste caso a semellanza formal entre corteza e cortiza) provoca que algúns dicionarios lle asignen a esta última o valor devandito, cando en galego designa unicamente a casca da sobreira e a doutras poucas especies que presentan características morfolóxicas semellantes.

En casos coma este, nos que o galego tiña xa creada unha estrutura conceptual e denominativa propia, pensamos que o recurso á analoxía é totalmente innecesario. Por iso, pensamos que casca ou tona deben ser as elixidar como denominacións do concepto que nos ocupa.[1]

Noutros casos, recórrese á analoxía para bautizar conceptos técnicos que non contaban con nome patrimonial en galego, como acontece coa parella codia cerebral / cortiza cerebral ou con codia terrestre. Nestes casos as recomendacións dos dicionarios galegos -incluso dos procedentes do contorno da RAG- apuntan a direccións diferentes.

Así, no Diccionario galego de termos médicos menciónase soamente córtex cerebral,[2] como xa indicabamos na Precisión 14, recollendo o mesmo latinismo que se fai valer en inglésportugués ou francés. Porén, no Diccionario de psicoloxía e educación acéptase tamén como equivalente cortiza cerebral en paralelo e por imitación do castelán corteza cerebral.

Pola contra, para designar a 'capa superficial da terra', non se recorreu á adaptación do latinismo crusta, como fan o inglés (earth crust), o portugués (crosta terrestre) ou o francés (croûte terrestre), senón que practicamente a totalidade dos dicionarios galegos,[3] comezando polo Diccionario da Real Academia Galega, aconsellan o emprego de codia terrestre. Na escolla pesou moi probablemente o influxo do castelán, pero tamén hai que ter en conta que desde comezos do século XX os dicionarios galegos outórganlle a codia o valor de 'superficie externa dunha terra de labor', especialmente cando forma unha capa dura por causa da chuvia e do sol.

Por todo isto, pensamos que estes dous casos non admiten un trato idéntico, aínda a pesar das súas semellanzas:
  • Propoñeríamos o emprego de córtex cerebral, xa que as alternativas ("codia", "cortiza".) son formas sen tradición en galego, que nos afastan das escollas seguidas polas linguas veciñas e das propias tendencias denominativas na linguaxe médica, na que poderiamos atopar outros moitos córtex.
  • Non cremos que se deba desaconsellar o uso de codia terrestre, porque é posible entendelo como un termo vivo no galego popular -como consta nos dicionarios e corpus de textos de principios do s. XX- que foi aproveitado para os textos especializados, ben certo é que axudado polo seu paralelismo co castelán.
    Con todo, tampouco parece que haxa impedimento para empregar o cultismo crusta terrestre, practicamente inédito en textos reais, pero que nos achegaría ás linguas do contorno.

 

----------------------------------

 

[1] Parece que canto máis dura e grosa sexa esa superficie exterior máis se tende ao uso de casca, e a medida que esta superficie adelgaza, aumenta o emprego de tona.

[2] Como nome para a 'capa exterior do cerebro, palium ou manto, composta principalmente de substancia gris ou cinérea.'.

[3] Só no e-Estraviz se aconsella o emprego de crosta terrestre; e no Diccionario das ciencias da natureza e da saúde indícase que crusta é a 'denominación que, algúns, dan á codia terrestre'.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.11.2023.