Ir o contido principal

87. Discutindo polos marcos…

Un idioma preciso

Que ninguén pense mal, que non nos imos meter en preito ningún polas estremas d’Un idioma preciso nin temos conflitos cos nosos hospedeiros de Canalciencia.

Simplemente imos analizar algúns debates que ocasiona a denominación en galego de conceptos relacionados coa ‘pedra ou poste que se chanta no chan para sinala-lo límite dunha propiedade ou a dirección e a distancia nos camiños’, e coñecemos como marcofitomouteiraou pedreiro.[1]

A pervivencia na fala das formas propias do galego fai que os castelanismos máis ou menos disfrazados (*mojón, *mollón, *moxón…) sexan rexeitados unanimemente como designación para este concepto. Por iso sorprende que unha fonte con peso normativo como o Vocabulario ortográfico da lingua galega recolla amolloar e amolloamento entre a súa listaxe de entradas.

Como este traballo non inclúe definicións, a nosa primeira intuición foi pensar: “Seguro que se refire a ‘xuntar as gavelas para facer un mollo’ que xa figuraba nalgún outro dicionario galego”. Pero non. O propio Vocabulario desfai calquera posible equívoco cando considera que derregar e estremar son sinónimos de amolloar. E con ese mesmo valor de ‘poñer marcos’ podemos atopalo en bastantes exemplos en Internet, incluso en fontes cun certo valor referencial como diarios e boletíns oficiais –ademais de en unha curiosa páxina en trampitán coa que nos agasalla a Xunta de Galicia.

Pero aceptar que amolloar poida ter en galego ese valor –cando ao consultar de corpus textuais en galego non atopamos exemplos reais que o avalen– non nos obrigaría dalgunha forma a asumir que *mollón debe ser tamén un sinónimo válido de marco? Pero é que ademais, para o concepto ‘poñer marcos’, outras fontes propoñen denominacións galegas que non presentan inconveniente ningún, así que non se percibe a necesidade de acoller un amolloar de galeguidade dubidosa:[2]

Vendo, pois, que existen alternativas, pensamos que non hai necesidade ningunha de recorrer a amolloar / amolloamento para referirse a acción de ‘marcar estremas por medio de marcos’. De entre esas alternativas, parecen preferibles calquera das dúas últimas, xa que derregar e estremar teñen un significado máis xenérico, que remite unicamente ao establecemento de estremas, pero non sinala o obxecto que se emprega.

 

----------------------------------

[1] En castelán úsase mojónhitotérmino ou jalón; en inglés boundary stone ou landmark, e en portugués marco.

[2] Ou desde logo, percibida hoxe como de galeguidade dubidosa, con independencia de que etimoloxicamente poida xustificarse a presenza no galego sen recorrer ao préstamo desde o castelán.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.11.2023.