88. Alcumes na Internet
No mundo real –e especialmente no mundo real galego–, unha persoa pode ser coñecida polo seu nome propio, ou por algún outro, xurdido polas razóns máis diversas, con ou sen o beneplácito de quen o porta, e que pode tomar como base características físicas ou morais, reais ou inventadas deste.
A todo ese abano de “segundos nomes” –que moitas veces son os primeiros– (o raposo de Arteixo, Mac o Navallas, Brétemas, Manolito Catrollos…) chamámoslle en galego alias ou sobrenome. Pero algúns deles adquiriron relevancia abonda como para contar cunha denominación propia que os personaliza:
- Ao ‘nome ficticio co que un autor asina a súa obra para esconde-la súa identidade’ (como Brétemas ou Avilés de Taramancos) chamámoslle pseudónimo.
- O ‘nome que se lle dá a unha persoa, tomado dos seus defectos físicos, morais ou doutras circunstancias’ coñécese como alcume ou alcuño.
Estes nomes específicos non deben empregarse máis alá do seu raio de acción, así que debemos evitar tratalos como se fosen sinónimos das formas máis xerais, en contextos como ‘Este presentador era coñecido polo alcume de Superpiñeiro’.
Ben, pois o que acabamos de indicar para o mundo real, é tamén aplicable ao virtual. No ámbito da informática alias (EN: alias; PT: alias; ES: alias; FR: alias) pode aludir, como mínimo, a:
- Un dos varios nomes alternativos que poden facerse corresponder co mesmo enderezo de Internet.
- Un nome curto e doado de lembrar que remite a un enderezo de correo electrónico de tal forma que ao enviar unha mensaxe, tecleando o primeiro como destinatario, esta remítese ao enderezo completo.
- Unha denominación alternativa que identifica un obxecto (un ficheiro, un campo de datos…)
Tendo en conta que en ningunha desas definicións se perciben as connotacións negativas que parecen propias de alcume, pensamos que non se debe empregar esta denominación para designalos[1] –a pesar de que se empregue con frecuencia na versión galega dun dos paquetes ofimáticos máis difundidos.
Alias e sobrenome son, con gran diferenza, formas máis acaídas[2]. |
Actualización do 13/10/2014
O Dicionario da Real Academia Galega acepta o emprego de alcume como sinónimo de alias. Xa que logo, desde o punto de vista da corrección normativa, os argumentos manexados nos parágrafos anteriores perden todo o seu valor.
----------------------------------
[1] Si se podería empregar –nalgúns casos– para describir o que en inglés se coñece como nick ou nickname: un ‘nome alternativo que adoita ser empregado polos usuarios de determinadas ferramentas interactivas de relación, como foros ou charlas (chats)’.
[2] A primeira é a denominación elixida na versión galega de Windows e, ocasionalmente, tamén na de OpenOffice.