Ir o contido principal

89. Vacilacións académicas: ectropio/ectropión e entropio/entropión

Un idioma preciso

Hoxe toca volver falar de discordancias entre dicionarios, neste caso referidas ao ámbito da medicina.

Entre as doenzas que con certa frecuencia poden afectar as pálpebras cóntanse dúas que teñen que ver cun pechamento defectuoso destas. Por veces viran en exceso contra o globo ocular provocando que as pestanas rocen o ollo, irritándoo e chegando en ocasións a ulceralo. Noutros casos, unha pálpebra vira cara a fóra, o que impide que poida protexer correctamente o ollo e distribuír adecuadamente a lágrima por toda a súa superficie.

Todas as linguas do noso contorno empregan dous cultismos de orixe grega –con graos distintos de adaptación– para designar esas doenzas:

No caso do galego, a Real Academia Galega manifesta criterios contraditorios. Así, mentres no Diccionario galego de termos médicos –revisado polo seu Seminario de Lexicografía– se apostaba polas formas entropio e ectropio; no Vocabulario ortográfico da lingua galega, coeditado pola mesma RAG, non atopamos ningunha das dúas denominacións anteriores pero si entropión.

Diante deste conflito de “autoridades” cabería a posibilidade de interpretar que tanto entropio/ectropio como entropión/ectropión son formas adecuadas en galego pero…

  • o feito de que só galego e castelán[1] coincidan na elección das formas agudas convérteas en sospeitosas de castelanismo, especialmente se comprobamos que esta acentuación non deriva da etimoloxía orixinal senón dunha importación do galicismo ao castelán. E iso nun ámbito –a adaptación de cultismos– no que a propia RAG destaca a relevancia do recurso ao portugués.
  • o uso de entropio e ectropio, máis achegadas ao portugués e ao esquema acentual existente no étimo grego, parece contradicir a pauta marcada nas normas ortográficas do galego que leva a manter o –n final dos helenismos, grafía que se perde en portugués con moita frecuencia. Cfr. acromioncorionepíploonisquionpericarion (galego) vs acrómiocórioepíplooísquiopericário (portugués).
Resumindo, atopamos dúas propostas de denominación normativas que, analizadas obxectivamente, parecen despertar certas dúbidas sobre a súa conveniencia. E pola contra, as formas que, en principio, parecerían máis acaídas (entropion e ectropion) non figuran en ningún dicionario.

Nestas circunstancias non nos atrevemos a recomendar explicitamente o emprego de ningunha das posibles alternativas, aínda que pensamos que desde o punto de vista estritamente lingüístico as máis coherentes coas prescricións establecidas son entropion e ectropion.

Pero o que si cabe é pedirlle á RAG que unifique a súa “doutrina”.

 

----------------------------------

[1] Non mencionamos tamén o francés porque neste idioma todas as palabras son agudas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.11.2023.